a motobomba de rairiz de veiga

En relación ás manifestacións feitas por Miguel Martínez Nóvoa (Narboa da Limia) na súa carta ao director do día 21 de outubro de 2011, debo dicirlle que este alcalde no domingo día 16 de outubro estaba no seu posto de traballo de axente forestal da Xunta de Galicia, loitando contra un incendio no pobo de Salgueiros (Xunqueira de Ambía), e que de momento, e por moito que o intento, non teño o don da ubicuidade e non puiden estar ao mesmo tempo na Saínza colaborando nas labores de extinción do incendio das Veigas, onde sí estaban os medios da Consellería do Medio Rural.
Efectivamente recibín o requerimento da motobomba municipal para situala nas proximidades das casas máis cercanas ao lume, pero non puiden localizar a ningún dos condutores que habitualmente manexan o camión. Teño que dicir que o personal que o conduce faino de forma voluntaria e altruísta, xa que non temos medios para contratar un chófer. Recordar que para os incendios en casas ou edificacións tamén conta esta comarca con un parque comarcal. A partir do mediodía si se incorporou a motobomba do Concello ao dispositivo de extinción do incendio das Veigas e participou tamén nos últimos días na extinción de outros lumes no concello como o do martes 18 de outubro, no pobo de Forxás.

Este alcalde non se sinte dono particular de ningún medio do Concello pero si é o responsable de que dispoñamos deste e doutros servizos e do seu mellor ou peor funcionamento. Só lle podo dar a razón nunha das súas afirmacións: a de que os veciños actúan con pasividade e despreocupación en caso de lume, cousa que sucede por desgracia demasiado a miudo na maioría dos incendios en toda Galicia.

Pregarialle que se acorde máis dos que poñen lume que dos que o van apagar, e que na próxima vez predique co exemplo, xa que vostede nin siquera estaba alí, nin é veciño, nin vive aquí, nin se lle coñece, e non se debe de falar de oídas e facer demagoxia nun tema tan delicado e que está a arruinar este país, e non debería confundir o non poder co non querer...

Te puede interesar
Más en Cartas al director