O eterno retorno

Na guerra, a proliferación de mentiras, falsidades e propaganda fai ilusoria a común preocupación por distinguir o real do falso, sendo a verdade a primeira vítima, e provocando a execución de todos os valores éticos que orbitan ao redor dela. Como consecuencia disto, a racionalidade é condenada ao ostracismo, e substituída por un relato dominante onde o espectáculo da hipocrisía campa ao seu antollo entre seres deshumanizados e almas desterradas ao inferno intelectual, no que a insubmisión forma parte do pasado, e non dun presente que precisa respirar libremente, afastado de toda represión coercitiva. 

A realidade que moitas veces esquecemos é que non existiu un só día, no tan moderno século XXI, sen que as voces das bombas ou das metralladoras se escoitaran nalgún recuncho do planeta. Por conseguinte, volvémonos inxenuos cando consideramos a guerra como unha patoloxía estraña, cando non somos capaces de comprender que os intereses xeopolíticos non entenden de democracia, cando confiamos a paz a unha estrutura subxectiva de coexistencia de poderes, que ten como finalidade crear un pensamento único aliñado á mercantilización da vida para poder inocularnos o virus da amnesia colectiva.

O froito deste eterno retorno é unha sociedade que vive un período de pánico moral, que non só imposibilita pensar con certa complexidade e densidade analítica a traxedia que está a atravesar Ucraína, senón que crea un novo período de caza de bruxas. Talvez Maquiavelo tivese razón cando escribía que un debe ser un raposo co fin de recoñecer as trampas e un león para escorrentar aos lobos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director