O outono: trala vendima, a castañeira

A furia de Helios, ditador do verán, vaise apagando pouco a pouco; mentres, Cronos infatigable segue dando voltas á nora do tempo, pasando as follas do calendario.
A aurora, de rosados cabelos, espalla de amarelo e máis ocre o seu manto polas viñas de Amandi espertando aos merlos, que se levantan en voo, entrelazando sendeiros negros entre nubeiros errantes. As vendimadoras, ás once da mañá na hora do taco, danse un respiro. Os mozos pousan os cestos cueiros ou carón delas: as rapazas, en idade de namorar, rebuldeiras e divertidas, están a recordaren aquela cantiga popular que falaba dun crego que se perdera cunha moza engaiolada polos recunchos dunha viña da Ribeira Sacra; axiña, se animan a cantala seguindo o ritmo da Roda, mentres acenan ao catamarán que neste intre está asucando polo medio do Sil, á beira de Rabacallos, a piques de enfiar o lugar de Valdocán, vixía e antesala do Canón do Sil. E pousa, pousa, pousa/e non me toques naquela cousa/Fun á taberna do meu compadre/fun polo vento/ e vin polo aire/e como é cousa de encantamento/fun polo aire, vin polo vento/ E pousa, pousa, pousa/e non me toques naquela cousa/E pousa, pousa axiña/e non me toques naquela cousiña/Murmuraban as miñas veciñas/que eu andaba co crego nas viñas/Iso é verdade, eu non o nego/que eu andei ás loitas co crego/E pousa, pousa, pousa/e non me toques naquela cousa/E pousa, pousa axiña/e non me toques naquela cousiña/'.

Chegou o outono á ribeira do Sil. 'Autumnus', plenitude do ano: xa pingan as castañas nos arellos do souto de San Andrés: no beiril do fondo, están a abrollar espléndidos cogomelos, que por estes lares chamamos cerrotes; mentres, o vento está dálle que dálle, zoando no galo do campanario da parroquia de Sacardebois, os carballos da fraga de Maraván íspense tremendo axiña co frío; enriba, na Cabeza da Meda, o ollo do sol vai adiantando a hora do solpor: a xente recóllese dos eidos cedo, coas galiñas. O amencer, que canta o galo do Inverno dos Fiós, non ten présas en fisgar polos fachinelos da capela de Triguás, nin en espreguizar ás animas da contorna de San?Lourenzo de Barxacova, malia que no cumio da necrópole de San Vitor disque andan inquedas, durmindo ao raso tralas últimas descubertas, que se din arqueolóxicas, e seica que traman en saíren á rúa o día dos defuntos a protestar nunha andaina de ánimas en pena pola pasarela, Barxacova folliñas ! secas fashion week outono-inverno, que serpea á beira do Mao entre loureiros e acivros, por causa dos últimos desafiuzamentos das tumbas levados a cabo no sagrado.

Te puede interesar
Más en Cartas al director