Parada de sil, a casa da culpa

A Casa da Culpa érguese na parroquia de Sacardebois (Parada de Sil).
Casa de perpiaño de dous andares, decotío chea de herba e de misterio, a herba íase ripando cada inverno, certo, mais o misterio continuaba alí acochado: 'Na Casa da Culpa, en tempos esvaecidos, debeu suceder un horrible asasinato tapado por debaixo do manto frío da néboa que de mañá sube do Sil, emporiso, cagoná! os vellos do lugar non queren falar da Casa da Culpa nin da morte, que para iso está a curuxa,' matinaba eu de rapaciño. Medo ás animas do cemiterio, medo ao lobo, e medo á Casa da Culpa: A Casa da Culpa debe estar encantada, chea de ánimas en pena, seguía pensando, mentres andaba coas vacas no lameiro do muíño, e miraba en fite ás ventás da maldita casa que amosaba silandeira e misteriosa aos ollos inocentes dun neno. Anos despois, O libro da Ribeira Sacra, 'A cinsa do vento', do poeta Emilio Araúxo, recolle o testemuño dos meus veciños: Segundo a tradición mataron alí a un home, aínda hai quen acorda a cruz, esta é a casa da culpa! Berraban os rapaces cando ían á escola, e cantazos á porta ata que a romperon, a casa estaba culpada, ten unha culpa con ela.

A Casa da Culpa leva anos á procura dun novo propietario con suficientes arroutos que a reforme e lle faga un esconxuro, e se namore dela, mais mire que lle diga, 'que non sabes unha palabra ou unha frase, pois vai ao Dicionario', dicía don Paco, o mestre, neste caso ao Dicionario de Fraseoloxía Galega: Á culpa hai que lle facer unha casa dise cando ninguén quere levar a culpa: Así que ninguén foi o que rompeu a maceta? Calades? Está claro, á culpa hai que lle facer unha casa (Deza).

Un dito que se utiliza en sentido metafórico na miña aldea interpretárase en sentido real: os meus devanceiros levantaron unha casa a unha frase. Un lugar onde reteren afastadas tódalas culpas, en troques de encerrar aos culpables, mentres os campaneiros cantaruxaban ceibes no palco da música na festa do Carme e de San Martiño: 'A culpa foi do cha-cha-chá.

-DESCULPE, ONDE QUEDA A CASA DA CULPA?

-Desculpe, non! Non ten por qué desculparse, que neste lugar non hai culpables. Como ninguén quería arrear coas culpas, ergueron unha casa para metelas alí todas, atrancando as portas e ventás e botándolle herba encima, polo si ou polo non. Disque os cregos daban conta deste feito ao señor Bispo, manifestando con asombro comedido que nesta parroquia non se daban penitencias nos confesionarios nin se usaba o hisopo, nin se collía auga bendita na pía da entrada da igrexa, dado que non había culpas que lavar nin pecados que confesar, que para iso estaba a Casa da Culpa. De maneira que, as culpas decotío foron e seguen sendo viúvas en Sacardebois, o berce da Ribeira Sacra.

Te puede interesar
Más en Cartas al director