O SEÑOR PENEDO E AS MULLERES

En contestación ao artigo de José Luis Penedo titulado 'Enhorabuena a las mujeres'.
Hai tempo que sabemos que as mulleres realizan estudos en maior número que os varóns e con mellores resultados, xa dende a educación secundaria, segundo reflicten numerosos estudos realizados. Aínda hai máis tempo que as mulleres se dedican á investigación, se ben o traballo realizado polas investigadoras foi invisible -que non inexistente- durante varios séculos. Na actualidade, segue resultando inexplicable o desequilibrio existente entre o número e capacidade das mulleres nas universidades e a súa escasa porcentaxe en postos destacados, é o que se chama 'teito de cristal'. Póñolle un exemplo: na Academia Galega de Ciencias non hai unha soa muller, ¡incrible!

Afortunadamente 'atrás quedaron los tiempos en los que ser mujer equivalía a ser sinónimo de madre de familia numerosa' pero aínda non quedaron atrás -como rapidamente deducimos do seu escrito- os tempos en que existen varóns que expoñan que 'no sería de extrañar que en un corto futuro los hombres tengan que poner el mandil y ocuparse de las labores domésticas'. Algo que debería ser práctica habitual en calquera casa. Se eu fóra home estaría moi anoxado co seu comentario.

Por último, quixera dicirlle que as mulleres sempre traballaron, algo que no noso país resulta moi evidente. Outra cousa é que recibiran algunha compensación económica polo seu traballo. Aínda hoxe -pode vostede velo en diversos informes ministeriais do pasado mes- ás mulleres se lles contrata menos, con peores contratos e con alarmantes desigualdades retributivas.

Te puede interesar
Más en Cartas al director