TOÑITO QUINTELA

n n nQuerido Toño: Tiveches o privilexio de ser un dos poucos que naceu e viviu ó pé da Via Nova, do Río do Esquecemento e moi pertiño de Lobosandaus, epicentro do máxico mundo dos arraianos. Ti e a túa familia fostes os únicos en resistir ata hoxe na anterga vila do Porto Quintela.
A maioría dos que aquí nos atopamos tivemos a honra de te coñecer dende moi nenos, uns por ser coma ti orixinarios da Ramperia, outros/as polas visitas que na compaña de teu querido pai Felisindo lle facías a cotío á aboa Gerarda, residente no mundo dos 'Cús Negros' dende a desfeita do encoro en 1949, e outros moitos/as polo obrigado desprazamento que nos anos 60-70 había que facer á capital para intentar aprender un pouco máis. Xuntos percorremos as festas da Baixa Limia, rúas e corredoiras de moitos pobos e cidades, tivemos 'días de vino y rosas' (algunhas con espiñas), asi coma momentos fatídicos coa desaparición de amigos/as e familiares. Co paso do tempo formaches unha familia que te apoiou ata o derradeiro dos días da túa vida, pero a pesares das túas ocupacións sempre tiñas un oco para estar cos amigos/as de sempre.

Fai uns meses recibimos con preocupación malas novas do teu estado de saúde. Ti, en cambio, exercendo unha vez máis de comandante, fixeches fronte á situación cheo de coraxe e optimismo. Qué boa lección coma sempre. Agora adiantaches a tódolos presentes e déixasnos uns días máis aquí discutindo e pelexando por temas, a maioría das veces intrascendentes e sen sentido, esquecendo unha vez máis que a amizade e o cariño que ti nos transmitías é o único importante deste complicado mundo que nos rodea. Dende o cemiterio do Baño serás o faro que vixía permanente ata os cornos de Fontefría, que tanto che gustaban.

Tampouco che imos decir como nos rompes o corazón, pero nin así deixamos de espetarche, unha vez máis, 'vaina rañar', un forte abrazo e un ata sempre querido comandante.

Te puede interesar
Más en Cartas al director