vivir dignamente e en liberdade

Copiando un bo amigo, 'o fundamental neste caso é poder explicarlle á xente ao pé da rúa o que está a pasar na sociedade actual'. Eu 'pase o que pase' dun ou outro xeito estarei ao lado daqueles que pretenden seguir mantendo o estado do benestar conseguido e polo que todos loitamos. Se racionalizamos a expresión entenderemos, ou polo menos eu así o entendo, que se non se está na rúa explicando á xente o que sucede, ninguén, mesmo eu, entenderá que isto ao que nos avocan nosos políticos, non ten nada que ver co que todos conseguimos: unha sociedade máis xusta.
¿É lexítimo, despois dun ano, que os responsables deste país, á cabeza o presidente, sígannos dicindo que o que herdaron é tan histórico que aínda o seguiremos pagando? ¿Quere isto dicir que aínda nos quedan algúns meses máis, non se sabe cantos, ata que isto deixe de ser a razón dos recortes? ¿Imos seguir avanzando na dirección destes gobernantes que todo o que saben facer é botarlle a culpa ao anterior?

Como di o meu amigo, temos que saír á rúa a explicar o que realmente está a pasar. Eu creo que si, non podemos deixar que estas personalidades, nos sigan manipulando. Temos, estamos obrigados a dicirlles que ata aquí chegaron, e que a partir de agora terán que escoitarnos. Agora ben, creo que soamente poderemos conseguilo agrupándonos, facendo o esforzo de loitar conxuntamente. Agrupémonos en colectivos que, aínda sen ser homoxéneos, defendan os nosos credos e intereses. Temos que ser participes de todas e cada unha das demostracións que revindican un obxectivo común.

Non nos deixemos influír por quen ou como as convoca, simplemente apoiémonos, porque creo que todos e cada un estamos a defender o mesmo. Queremos vivir de acordo co que achegamos. Queremos vivir dignamente. Queremos vivir en liberdade. Manter as nosas singularidades. E, dende logo, por un futuro digno: traballo, solidariedade e respecto á singularidade. Como di o meu amigo, 'nós temos a razón do noso lado'.

Te puede interesar
Más en Cartas al director