xa sabemos situar ó irixo no mapa

Fai uns vinte anos, vin como nun pobo do Concello do Irixo se rexeitou unha concentración parcelaria, polo medo da xente a perder as súas boas terras, así como pola entendible pero pouco reflexionada idea de conservar os capitais orixinais dos seus antergos.
A día de hoxe, nese pobo o monte chega ata os cerramentos das casas, e a pouca xente nova que queda, non sabe dicir onde están as súas leiras. É necesario que amosemos a nosa capacidade de autodidactaxe que vimos labrando desde hai anos, esquencidos por todos a non ser polas estatísticas. Un Concello que en trinta anos perdeu a cerca de 300 rapaces na súa escola e a cerca de 2.000 persoas da súa poboación non necesita de salvadores, nin tampouco de plataformas que enchan os sináis de tráfico con bandeirolas negras. Non señores, non … ¡o futuro de este Concello xa era negro antes! E a xente do Irixo levamos moitos anos sen que ninguén levante un dedo por nós. Por unha vez non somos unha autopista de paso e por iso felicito a quen houbese tido o reflexo de conquerir que hoxe se coñeza ó Irixo en toda Galicia e que por fin xurda algo de ilusión entre a xente.

A xente do Irixo ten capacidade e intelixencia propia para analizar os pros e os contras do megaproxecto famoso. Non queiran abandeirar nada, e menos non nos queiran adoutrinar, defendan o desenrolo sostible e loiten contra o impacto ambiental pero desde a análise; expoñan a experiencia de Cerceda, debatan sobre as melloras tecnolóxicas no tratamento de residuos e informen os veciños sen crispar. Fagan un esforzo por aparcar a demagoxia de supostos fumes, para acadar os seus réditos persoais e políticos. Ata agora estivemos moi calados, conformándonos co pouco que uns e outros nos aportaron, pensando que as veces é mellor aguantar co malo por medo a como será o bó. Deixennos despertar sen sobresaltos, e falar sen plataformas, para ben ou para mal, por unha vez que polo menos nos miran.

Te puede interesar
Más en Cartas al director