zapata, o gran pintor amigo

n n nFinou o bo amigo de tantos anos, Manolo Zapata. Dende nenos, xogando na casa da tía Maruxa de Os Queixeiros, nas terras ribeirentas da parroquia chantadesa de San Pedro de Líncora o carón de castiñeiros e cepas retortas que tanto lle gostaba pintar.
Mantivemos dende sempre unha fermosa, íntima e familiar relación. De longa estatura, magro, forte, coidadoso e tamén impulsivo o falar, viviu sempre o seu xeito, coma el realmente quixo. Teimoso, constante, traballaba arreo, entregándose de cheo a labor de creación. Tamén disfrutamos de moitos días -sobre todo noites- na adega de Sobrado e Perresquita de boas enchentas, bo viño e mellores xarutos de 'Vuelta Abajo', atrapallando cantigas ate o mencer.

Zapata criouse en terras de Ferrol, punto de partida dunha singladura entre Lugo e Ourense, pero con fondas raigames na Ribeira Sacra chantadesa, onde residiu durante varias etapas e onde realmente disfrutaba e pintaba.

Manolo Zapata era amigo de pintar gaiteiros, pero tamén pintaba nus, música ó viño como ben dicía el: 'Nunca pinto xente traballando, só pinto xente alegre bailando, tocando ou bebendo'.

Di Xosé Carlos Caneiro que 'Zapata pinta o que ve, pero o que ve Zapata non coincide necesariamente co que pode observar o resto dos seres humanos. Mira a traveso da realidade. Sobrepasa a liña invisible que separa ás persoas, aos obxetos, da súa intransferible esencia'.

Pintores hai moitos, artistas como Zapata, non demasiados, e menos nestes tempos de sumo materialismo, repetitivos, sen sensibilidade, que fan a moitas persoas perder a capacidade para sorprenderse.

Zapata era un artista que podemos encadrar entre os pintores de corazón que fan diferente a vida, e a pasión que se transforma en pincel entre as súas mans, a vida entre as súas máns pintando, vivindo.

Amigo Zapata, sei que te inspiraba a noite, os mouchos, pero tamén a música; tocabas sete instrumentos e non podías pintar sen música, escoitando sobre todo fados e a Joaquín Sabina. Tamén te inspiraba a Ribeira Sacra, sobre todo este tempo de outono de viño e noces, de mazás e zarrotes, de ocres e amarelos das ribeiras de Belesar e Líncora, terra na que dende hoxe permanecerás para sempre, como era o teu desexo.

Te puede interesar
Más en Cartas al director