O Álbum de Galicia suma a Celso Emilio Ferreiro

Busto de Celso Emilio Ferreiro en Celanova
photo_camera Busto de Celso Emilio Ferreiro en Celanova

O Consello da Cultura Galega (CCG) confirmou onte a incorporación da entrada do celanovés Celso Emilio Ferreiro Míguez no “Álbum de Galicia”, a colección dixital de biografías de persoas destacadas da sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa de Galicia.

O poeta celanovés, finado en Vigo no ano 1979, foi un dos grandes escritores galegos do século XX. “Destacou cunha prolífica obra, na que a miúdo plasmou as súas preocupacións sociais e políticas e na que incluíu, ademais de composicións de carácter reivindicativo, outras máis intimistas e irónicas”, subliña o comunicado remitido polo Consello da Cultura Galega, no que sinalan que Ramón Nicolás é o autor da súa entrada.

A día de hoxe, o álbum conta con máis de 660 entradas que inclúen, ademáis das biografías, material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.

Celso Emilio Ferreiro é o cuarto veciño de Celanova que se incorpora ao “Álbum de Galicia” despois dos tamén intelectuais e escritores Manuel Curros Enríquez, Cesáreo Fernández Losada e Xosé Velo Mosquera.

Te puede interesar