Alexandre Ruiz: "Queremos facer un punto de encontro do órgano celanovés coa música tradicional"

Alexandre Ruiz na Praza Maior.
photo_camera Alexandre Ruiz na Praza Maior.

Alexandre Ruiz Vázquez é músico

A música tradicional galega e a litúrxica mesturaranse este venres ás 20,00 horas en Celanova con motivo do concerto do Coro Galego Cántigas da Terra en conxunto co órgano do Mosteiro nas mans da organista María José Mosquera. Unha cita da que fala o mestre gaiteiro Alexandre Ruíz, nado na Coruña, pero con corazón celanovés.

Como xurdiu esta colaboración?

Foi unha proposta a través do noso grupo de facer algo dentro da música galega, xuntando música litúrxica e música popular e un pouco con vistas, e así o quería tamén o Concello, que isto continuara e se fixera con outros artistas. Un punto de partida para que sexa un encontro regular. Falouse con María José e pareceulle fenomenal, é unha sorte contar con ela.

Que se poderá atopar o público?

Penso que vai ser un programa bonito. Un concerto que vai reunir non só música de órgano, senón que o órgano vaise a mesturar con zanfonas, con voces, con gaitas. As gaitas van soar soas... Van a ser 50 ou 60 minutos cunha participación intensa entre o órgano, as voces, as gaitas, zanfonas, violíns…Vai haber cantos de reis, alboradas, corredoiras… Un pouco de toda esa tradición, pero gardando un certo respecto, non imos interpretar muñeiras ou xotas -que son máis de festa e romaría- no interior da igrexa.

O órgano casa con todo?

Dende logo, e tocar con María José é unha inmensa sorte. Hoxe estaba ensaiando e entrei para escoitala, é un privilexio. Espero que a xente o entenda así. Eu creo que é unha experiencia que pódelle gustar á xente. Nós, dende logo, desexámolo, gustaríanos que fose un encontro regular, non con nós, senón cunha participación do órgano con outros grupos, outros persoeiros da música tradicional galega, e que se sorprenda tódolos anos á xente.

É a primeira vez que actuan en Celanova?

Esta agrupación fundouse na Coruña no ano 1906, no 1919 xa estivo en Celanova descubrindo unha placa na casa de Curros Enríquez xunto coa Banda de Música da Infantería de Mariña de Ferrol. Levamos tempo sen vir por aquí, pero fai pouco estivemos en Xinzo.

Que é Cántigas da Terra?

O grupo se basea nun coro galego con aqueles temas que foron recollidos no principio do século XX e interpretados dende un prisma do coro. Iso non quita que a agrupación fora adaptándose e hai sección de gaitas, zanfonas,  violíns….

Te puede interesar