Antonio Puga Rodríguez: “Traballaremos para promover eventos que traian xente e mellorar as infraestruturas”

O plan de posta en valor da contorna do mosteiro, o acondicionamento dos aparcadoiros e a autovía ata Portugal forman parte das súas prioridades

Antonio Puga (Celanova Decide) afronta o seu segundo mandato á fronte do Concello de Celanova. Faino cun concelleiro menos do que lle deron as urnas tras o erro no escrutinio inicial que non foi emendado a día de hoxe, e tras contar co apoio de PSOE e BNG na investidura.

Cal é a situación xurídica?

Está  pendente da decisión do Tribunal Constitucional respecto da admisión a trámite dos recursos de amparo presentados. No caso de que non o admitan, quédannos outras vías de reclamación: unha solicitude de revisión deses actos administrativos firmes (de escrutinio e de proclamación) e o correspondente á vía xudicial.  E un último recurso, a petición de nulidade dese acto.

Foi único partido que aumentou votos, cal cree que foi o motivo?

Foron varios. Ter demostrado aos veciños que eramos capaces de facer cousas, que eramos xente seria, honesta e que fixemos traballos cun goberno en minoría e cunha pandemia de por medio. Aproveito para poñer en valor e agradecer esa valentía e ese compromiso da veciñanza coa nosa agrupación, co noso proxecto.

Non acadaron maioría, dubidou do apoio do PSOE e do BNG?

Non tiven dúbidas. Si que houbo rumoroloxía de variado tipo no pobo, algo que é normal e que entra dentro do xogo político. 

Como será o novo goberno?

O PSOE asumirá competencias de Igualade e Servizos Sociais, e Medio Rural. Terá unha das tenencias da alcaldía, representación na Xunta de Goberno e na Mancomunidade. O resto asumirao CD. 

Que espera da oposición?

Do PP espero que se deban ao pobo de Celanova, que non poñan trabas, que axuden e fagan propostas en positivo. Do BNG, aínda que se nos trasladou que non ían formar parte do goberno, cónstame que a día de hoxe estano valorando. Nós tendémoslles a man.

Cales serán os seus obxectivos?

Non hai medidas estrela. O obxectivo é seguir traballando para mellorar as infraestruturas e a calidade de vida dos veciños. Faime unha especial ilusión o sendeiro do río Sampil, que lle dará un protagonismo especial a esa parte da vila e será un recurso turístico de primeira magnitude.

Que fai falla para mellorar o turismo?

Dende o Concello seguiremos promovendo actividades culturais e deportivas que traian xente e promocionaremos Celanova fóra de aquí. Unha das medidas que tomamos no mandato anterior foi a adquisición da Horta do Cura onde está a capela de San Miguel para poñela en valor, estase a axardinar xa o perímetro do mosteiro. Tamén ampliamos a capacidade de aparcamentos.

Ampliarán o polígono?

É algo que non pode acometer o Concello, senón que é algo do Instituto Galego de Vivenda e Solo. É unha petición que temos cursada, pelexaremos por esa ampliación e porque haxa empresas que queiran instalarse aquí. Temos unha autovía que chega ao propio parque.

E a revisión do plan urbanístico? 

Unha modificación ou unha redacción dun plan novo require tamén un acordo maioritario. Xa encargamos un estudo para, polo menos, posibilitar ou ampliar os usos do solo e para suprimir dúas zonas que están condicionando o desenvolvemento urbanístico: as variantes este e oeste.

Que papel ten a vila como cabeceira comarcal?

Creo que Celanova, toda a comarca e a Baixa Limia, temos que facer unha fronte común para a consecución da autovía ata Portugal, primordial para a provincia, para que eses tres millóns de veciños portugueses poidan vir a nosa terra, a coñecela e a traer riqueza. Ese é un, outro é seguir pelexando polo recoñecemento do Camiño de San Rosendo  como un ramal do Camiño de Santiago.

E cales son as necesidades?

Unha necesidade primordial é rematar os abastecementos e saneamentos no rural. É un obxectivo moi amplo e moi difícil de conseguir e, se se acada, é a medio e longo prazo. 

Te puede interesar