TURISMO

Un banco con vistas a dous países e recordos do último oso

Padrenda oso_result
photo_camera Paisaxe que se abarca desde o banco do Monte Lodairo, coa figura do oso nas súas inmediacións.

Desde o banco do monte Lodairo, pódense divisar dous países, dúas provincias e oito concellos e polas súas proximidades en 1946 un labrego matou ao último oso pardo de Galicia

Son moitos os bancos estratexicamente situados en altos da xeografía galega que permiten divisar horizontes case máxicos. Pero o instalado en Padrenda presume de contar coas vistas máis internacionais. Dende o alto do monte Lodairo, o visitante pode contemplar parte das provincias de Pontevedra e Ourense, pero tamén da comarca portuguesa de Viana do Castelo. Son, en total, oito os concellos ata os que alcanza a vista: Crecente, Pontedeva, Cortegada, A Cañiza, Arbo, Melgaço, Quintela de Leirado e Gomesende, ademais da propia orografía de Padrenda.

Pero o punto en cuestión non só se caracteriza por estas singulares vistas, senón que dende hai uns días está presidido por una gran escultura metálica que lembra un histórico feito ocorrido nos montes de Padrenda. É a silueta dun oso pardo e simboliza ó último exemplardesta especie que habitou en Galicia, segundo explica o presidente da Asociación de Veciños, José Antonio Afonso, promotor desta instalación.

Foi no ano 1946, no lugar de Couceiros. Alí, o veciño Camilo Lloves viuse obrigado a enfrontarse a un oso pardo armado tan só cunha forquita e acompañado polo xove Rogelio, de 14 anos de idade. Valéndose nada máis que dos seus apeiros de labranza foron quen de deixar fóra de combate ó animal, que finalmente foi rematado por un axente da Garda Civil do posto fronteirizo de Ponte Barxas. 

Os xornais da época son os que confirman que coa morte do oso de Padrenda púxose fin á comunidade galega desta especie, a pesar de que algúns exemplares continúan chegando ata os montes galegos de cando en vez. De feito, José Antonio Afonso asegura que en maio do ano pasado “un deles deleitouse do mel de Quiroga, en Lugo, e uns días despois foi grabado nos montes de Rubiá”.

Con esta instalación no monte Lodairo, aqueles que visiten o banco coas vistas máis internacionais non só poderán gozar dun horizonte aparentemente homoxéneo pero dividido entre dous países nunha concepción política, senón que tamén terán oportunidade de lembrar que hai tan só 60 anos por alí paseaban estes maxestuosos animais. 

Te puede interesar