O Camiño de San Rosendo estrea o seu libro guía

Laura Espinosa, Pablo Pérez e Mónica Lopo no claustro do Mosteiro de San Salvador.
photo_camera Laura Espinosa, Pablo Pérez e Mónica Lopo no claustro do Mosteiro de San Salvador.
A Deputación edita o texto que describe, en 12 etapas, o itinerario entre Braga e Compostela

A Deputación de Ourense ven de editar un libro, no marco do concurso de publicacións do 2021, sobre o Camiño de San Rosendo, escrito polas xornalistas Laura F. Espinosa e Mónica V. Lopo. “El Camino de Santiago por las tierras de Rosendo”, que onte chegaba ás librerías, ofrece un percorrido de gran riqueza natural, arquitectónica e cultural a través das 12 etapas e 250 quilómetros que unen Braga e Compostela.

O deputado Pablo Pérez mantivo un encontro coas xornalistas e subliñou que a publicación “é unha nova ferramenta de promoción para a Baixa Limia e Terra de Celanova”, resaltando o “bo traballo de Laura Espinosa e Mónica Lopo, dúas mulleres pegadas ao territorio e que reivindican cada día o xornalismo local” e avanzou o compromiso do goberno provincial “para seguir construíndo provincia, con motores tan potentes para o rural ourensán como o Camiño de San Rosendo ou a Vía de la Plata”.

“Camiñar pola calzada que fai dous mil anos marcaron os romanos é unha experiencia única”, resalta a xornalista Laura Espinosa, quen describe o trazado que atravesa a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, visitando xoias únicas como a igrexa de Santa Comba de Bande ou San Miguel de Celanova, como un “agasallo” para os peregrinos. Pola súa banda, Mónica Lopo explica que o “Camiño de San Rosendo é moito máis que un roteiro de peregrinación. É tamén unha oportunidade para o rural, ese rural do que tanto se fala polo progresivo abandono. Este Camiño pode ser un xeito de fixar poboación ofrecendo aos peregrinos tódolos servizos necesarios. Peregrinos que ademais lle darán vida cos seus pasos”.  

O libro, onde se resume o peso histórico de Rudesindus -fundador de Celanova e bispo de Gallaecia no século X-, fai un percorrido polo patrimonio local e describe cada etapa do camiño, con perfil e mapas que facilitan o discorrir do peregrino por un itinerario que a Xunta, a través do CSIC-Padre Sarmiento, “está avaliando para a súa inclusión dentro dos roteiros oficiais de peregrinación”, din as xornalistas.

Te puede interesar