Celanova escenifica o apoio social ao traballo nas residencias

A Fundación Curros Enríquez entregou o “Casa dos Poetas” ao persoal e usuarios da San Carlos

Momentos de gran emoción, orgullo e un profundo respecto e apoio a quen sufriu en primeira persoa a pandemia do covid-19 vivíronse onte en Celanova con motivo do acto de entrega do premio “Celanova, Casa dous Poetas” ao colectivo da Residencia San Carlos. A Fundación Curros Enríquez, que leva 37 edicións distinguindo a personalidades e colectivos relacionados con Galicia e a cultura galega cun dos premios máis prestixiosos da comunidade, saíase do perímetro que lle caracteriza para ir cos tempos e recoñecer e homenaxear a un colectivo que, desde o minuto cero, estivo na primeira liña da batalla contra o coronavirus.

Moi nerviosas, pero  humildemente orgullosas por recibir o galardón, Aurora Fernández (residente) e Sonia  Opazo (traballadora) foron as encargadas de recoller a medalla obra de Acisclo Manzano e o diploma deseñado por  Baldo Ramos e de compartir as vivencias daqueles primeiros e desconcertantes días de marzo. “Entendemos este premio como un regalo, un xesto simbólico para recoñecer o esforzo a un traballo que desgraciadamente nos tocou afrontar de primeiros”, lía emocionada Sonia Opazo, cuxas declaracións ás portas da residencia aquel fatídico marzo de 2020 pedindo mans (só quedaban cinco traballadoras para atender a 54 residentes, a maioría con coronavirus) supuxo un punto de inflexión no devir do centro celanovés e tamén a nivel autonómico, provocando a apertura dos centros integrados. 

Na súa intervención, Opazo agradeceu o apoio institucional e social, e tamén reivindicou ao colectivo de maiores, “creo que nos seus derradeiros anos de vida temos a obriga de coidar dos que antes coidaron de nós”, dixo sinalándoos como exemplo e fonte de aprendizaxe continua.

Como da familia

Nun discreto segundo plano, a residente Aurora Fernández, era onte a viva imaxe da felicidade. Non por ela, senón por ver recoñecido o traballo das súas coidadoras, ás cales queren e aprecian como se fosen da familia. “Merecíano ben. Se molestaron moitísimo por nós, non tiñamos nada….”, dixo recordando aquel primer e caótico traslado dos usuarios que deran positivo ao centro integrado de Baños de Molgas.  

A proxección dunhas imaxes do fotoxornalista Brais Lorenzo sobre o día a día no centro durante a pandemia emocionaron aos asistentes ao acto no Claustro Barroco do Mosteiro e referendaron, como destacaron distintas autoridades, o acerto da fundación celanovesa en querer distinguir ao colectivo que, tal e como recolle a propia acta, “o seu obxectivo final é o de simbolizar nesta comunidade a tódalas residencias de maiores de Galicia, que atenden cada día ó mellor da nosa sociedade”, leu in situ Antonio Piñeiro, secretario da fundación.

O alcalde celanovés e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga, trasladou que non fixo falta debate  e que houbo unanimidade no Patronato á hora de distinguir ao colectivo San Carlos, cuxa valentía e esforzo “fixéronnos sentir orgullosos da comunidade que formamos parte”, dixo. “Todos os  premios nestes 37 anos foron moi merecidos, pero este ademáis é de xustiza cos nosos maiores”, resaltou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. Parabéns que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ampliou á fundación currosiana “por ter a sensibilidade e capacidade para ler a situación na que estamos e virar o premio cara o ámbito de Galicia” e tamén ao “extraordinario” comportamento do sector cultural durante toda a pandemia e ao labor dos medios de comunicación, “clave” para transmitir as consecuencias dunha pandemia que aínda non terminou. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, pechou as intervencións destacando o esforzo da Fundación Curros Enríquez por manter viva cada día a cultura galega e convertendo a Celanova en “epicentro cultural” de Galicia.

O colectivo, símbolo da resistencia, pide cautela diante dun futuro aínda incerto

A Residencia San Carlos pasou a formar parte onte da lista de ilustres personalidades e colectivos aos que, desde o ano 1985, a Fundación Curros Enríquez recoñece por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega en tódalas súas facetas,  ou da propia Galicia. 

Na firma no libro de honra, ademais de reiterar o agradecemento polo premio, Sonia Opazo plasmou o sentir da comunidade, describíndose como un “símbolo da resistencia” que fixeron todos os traballadores de residencias fronte á pandemia “que seguimos sufrindo”, dixo. Unha mensaxe na que insistiron outras voces como Miguel Ángel Santalices, que estudou Medicina ao igual que Rosendo Fernández ou o subdelegado do Goberno Emilio González, que tamén estaba entre o público, apelando a non baixar a garda ante o “futuro incerto” que aínda temos por diante. 

O presidente do Parlamento Galego  deu un paso máis e dixo que “o que pasou tennos que obrigar a tomar decisións, redefinir o modelo de asistencia social (nas residencias) e buscar a participación de todos”.

Música, flores e poesía para honrar a Celso Emilio

s3.laregion.archivo.202109__3OP1083.jpg_web

A xornada dominical comezou coa recepción oficial na Praza Maior, amenizada pola Banda de Gaitas de Celanova, e a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro coincidindo co 42 aniversario do seu falecemento. Veciños e turistas sumáronse a estes actos nos que Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella e patrón celanovés, exerceu de mestre dunha cerimonia onde non faltou a música, as flores e a poesía, esta última na voz do escultor Xosé Cid quen recitou “Irmáus”. Tras escusar a presenza dos fillos do poeta, o alcalde Antonio Puga reivindicou a mensaxe e a obra do autor de “Onde o mundo se chama Celanova”, á vez que trasladou o desexo municipal, da man da fundación Celso Emilio Ferreiro, de seguir levando a cabo iniciativas na súa honra.

Te puede interesar