CELANOVA

“A nosa terra atópase no ADN de Hijos de Rivera"

A empresa coruñesa recibiu o Casa dos Poetas pola "defensa da cultura galega e a aposta polo rural"

A corporación coruñesa Hijos de Rivera, productora, entre outras bebidas, da cervexa Estrella Galicia, xa forma parte dunha longa lista de personalidades, entidades e colectivos destacados pola Fundación Curros Enríquez por contribuir á defensa dos valores culturais de Galicia. O premio Celanova, Casa dos Poetas recaeu, na súa trixésimo terceira edición, nas mans da centenaria empresa da industria cervexeira da que José Luis Ferro, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, destacou "a súa fervorosa defensa da cultura galega e a súa aposta por desenvolver iniciativas no medio rural". 

O acto institucional, ao que asistiron numerosas personalidades do mundo da política e da cultura galega, estivo presidido polo rexidor de Celanova, o presidente da Deputación de Ourense e membro do Padroado da Fundación, Manuel Baltar, a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, o catedrático, mestre e poeta galego José María Paz Gago e o presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices.

Antonio Viejo Puga, director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, recibiu "en nome de de todas as persoas que traballan na corporación" a medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano que reproduce, por unha cara, a casa na que viviu o escritor nado en Celanova, Manuel Curros Enríquez e, pola outra, as cinco cés concéntricas que simbolizan a letra pola que comezan os elementos identificativos do premio: Casa dos Poetas, Curros Enríquez, Celanova, Celso Emilio Ferreiro e Castor Elices. 

"Levar a Galicia polo mundo"

Na súa intervención, Antonio Viejo, membro da corporación dende fai dúas décadas, destacou o caracter "atrevido, audaz e valente" de José Manuel Rivera Corral, fundador en 1906 da empresa. "O primeiro valor da compañía é Galicia", sinalou o director de Asuntos Corporativos. "A nosa terra está no ADN da empresa e todas as decisións que se toman están vencelladas a ela. Na actualidade, é a cuarta xeneración da familia Rivera a que conduce o proxecto e, con moito orgullo, levan o nome de Galicia por todo o mundo".

A conselleira de medio Rural, Ángeles Vázquez destacou, ademais do feito de que "dende calquera sector se poida promocionar a terra galega " poñendo como exemplo a marca Estrella Galicia , a gran aposta que fai Hijos de Rivera polas iniciativas que axudan a dinamizar o rural. "Como ben dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a de este ano ten que ser a lexislatura do rural, xa que non somos nada sen el", matizou a responsable autonómica.

José Manuel Baltar, pola súa banda, sinalou que o Premio Casa dos Poetas "é un referente da nosa cultura" e quixo, asimesmo, facer alusión á "ourensanía como expresión viva" e a todos os elementos presentes no acto en Celanova que alentaban á "ourensanidade", algo que alcanzaba á corporación galardoada "por ser propietaria, dende o pasado 2006, de Augas de Cabreiroá". 

José María Paz Gago destacou as calidades da cervexa, "rica en vitaminas e minerais e con propiedades nutrientes e medicinais, ademais de ser unha bebida moi rica en lúpulos". Gago fixo especial fincapé na dedicación das diferentes xeneracións que capitanearon a corporación para convertila "nunha multinacional de éxita. A realidade para hijos de Rivera é prometedora". Igual que o resto de intervintes no acto de onte en Celanova, Gago destacou que Estrella Galicia "apoia con decisión as actividades culturais e deportivas da comunidade". 

Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O acto en Celanova comezou pasadas as 11,00 horas da mañá coa recepción, na Casa Consistorial, de todos os convidados, representantes institucionais e do mundo da cultura, e de Antonio Viejo Puga, quen recolleu o galardón en nome da corporación Hijos de Rivera. Posteriormente, realizouse unha ofrenda floral no monumento adicado ao escritor ourensán Celso Emilio Ferreiro co gallo do 38 aniversario do seu falecemento. O grupo de gaitas de Celanova foi o encargado de poñer a nota musical cunha alborada e coa interpretación do himno do Antigo Reino de Galicia. Durante a apertura tamén se rememorou a figura de Manuel Curros Enríquez e de outros referentes da cultura galega como o autor Manuel María, do que a concelleira de Medio Rural quixo recitar un fragmento extraído da súa obra "Os soños na gaiola". A Horta das Palabras da Casa dos Poetas acolleu a segunda parte do acto, que estivo amenizado polo quinteto de vento metal Hércules Brass. Despois da entrega dos galardóns, o director de Asuntos Corporativos da corporación Hijos de Rivera asinou o Libro de Honra da Fundación celanovesa.

Te puede interesar