Luis Vázquez: “En Vilanova puido haber 300 personas traballando no calzado”

Luis Vázquez “Lili”.
photo_camera Luis Vázquez “Lili”.
Luis Vázquez é o último zapateiro de Vilanova

A Fundación Curros Enríquez guiou onte aos estudantes do Guillelme Brown polo burgo medieval e as tradicións desta terra de músicos e zapateiros. Na adega de San Vivián, que hoxe acolle o Centro de Interpretación dos Zapateiros, tomou a palabra Luis Vázquez, patrón da fundación e o último zapateiro de Vilanova, como el mesmo desvelaba ao alcanzar a idade de xubilación.

Cantos zapateiros houbo en Vilanova?

Aquí puido haber máis 300 persoas traballando no calzado. Eran talleres pequenos, familiares, traballaban ata tres personas en cada casa. En Vilanova empezou a perderse coa primeira emigración a Venezuela, anos 50 do século pasado. Pero cando eu empecei, xa non había ninguén. Os últimos zapateiros que houbo eran os que facían reparacións na rúa San Roque de Celanova. Dous irmáns,  hoxe case teñen  90 anos.

Xubilase e non hai relevo…

É unha pena, pero a vida é así. Evoluciona. A semana que vén deixarei de traballar unha parte do oficio, a de cortar eu a pel, e en outubro, deixareino.

Agora que terá máis tempo, o veremos máis atendendo aos rapaces que visiten a Adega de San Vivián?

Eu estou sempre disposto, para o que queiran. Xa me teñen chamado e, así o dixen na derradeira reunión da Fundación Curros Enríquez da que son patrón, estou sempre estou disposto a colaborar. E é unha pena que se perdan os oficios e os nomes… Hai moita ferramenta que está podrecéndose nas casas, que non as van usar para nada, aquí a xente vén e as ve.

Cantos anos leva na profesión?

Eu levo toda a vida relacionada co calzado, pero non son un zapateiro dos de antes. O meu pai, si que traballou manual e tivo que facer todo. Cando eu me metín nisto, alá polo ano 2006 cun socio de Xunqueira Ambía terra de zapateiros tamén, eu xa estaba relacionado co mundo do calzado, pero ca venda ao público. Para min todo isto foi novo, sen ser estraño. Tiven  que aprender a cortar, a rebaixar a pel, a aproveitala…

A quen vende o calzado?

Basicamente aos feirantes. Este tipo de calzado noso, morreu. Acabouse. Se miras para os pés, ningún destes rapaces vai traer unhas botas das miñas ou das que se facían aquí antes.

Xa non coidamos os pés?

O que é un desastre son as zapatillas, polos forros sintéticos que che arden os pés, non traspiran. Onde estea un bo zapato de pel, cun forro de pel que traspire o pé. Antigamente, os zapateiros na parte de adiante, metían as vexigas dos porcos, como si fora o forro de Gore-Tex, e iso non deixaba pasar a auga.

Te puede interesar