O último zapateiro de Vilanova colga as botas

Vilanova dirá adeus este ano ao seu último zapateiro. O núcleo que nos anos 50 do século pasado chegou a sumar 152 zapateiros, quedará sen representante tras a xubilación de Luis Vázquez, quen onte participou no traballo de investigación sobre os oficios tradicionais da provincia e as palabras esquecidas do colexio Guillelme Brown.

Alumnado de terceiro da ESO do colexio Guillelme Brown de Ourense participaba onte nunha das derradeiras conferencias como zapateiro en activo de Luis Vázquez. “Lili”, como todos lle coñecen en Vilanova dos Infantes, amosoulles o proceso de elaboración das chocas, zapatos e botas, así como as palabras que utilizaban antigamente os artesáns.

Unha explicación que seguiron con atención os rapaces, que están levando a cabo un traballo de investigación, no marco do plan Proxecta+, sobre os oficios tradicionais galegos e o seu léxico perdido. “O obxectivo é recompilar as palabras galegas relacionadas cos distintos oficios da provincia que se perderon, neste caso dos zapateiros”, resumían as alumnas Uxia Loureiro e Alexia Moreno na visita a Vilanova, na que puideron coñecer as diferencias entre zocas e botas, como facían o ‘empalmillado’ (cosido) a man,  ou que ás tenazas os zapateiros de Vilanova lles chamaban ‘a turquesa’ e que o ‘sacabocados’ servía para facer os buracos.

O proxecto, no cal están a participar todos os alumnos da ESO, persigue “recopilar palabras tradicionais do galego e do portugués para que non se perdan e que despois publicaremos nun libro e, tal e como recolle o propio proxecto, remitiremos para a súa inclusión no dicionario da Real Academia Galega”, relataba a profesora Raquel Álvarez, quen engadía que “coas coas visitas, esta en Vilanova coa Fundación Curros Enríquez ou outra que faremos a Niñodaguia en relación coa alfarería, intentamos que aprendan léxico  que se vai perdendo”.

Te puede interesar