DÍA DE LA MUJER

Música, memoria e mercado no marzo máis feminino en Celanova

Marzo será o mes da muller e da igualdade en Celanova nunha iniciativa froito da cooperación de diferentes colectivos e entidades, lideradas polo Concello

"A loita pola muller, pola nai, irmá,  amiga, veciña, compañeira… parte da colaboración”, comezaba a concelleira de Igualdade, Teresa Barge, encargada de dar a coñecer o cartel do 8 ao 23 de marzo. Colaboración e cooperación coa sociedade e os colectivos que agradecía e subliñaba tamén o alcalde, Antonio Puga, nesta loita por acadar a igualdade real entre mulleres e homes.

Petra Enríquez, a nai do “xenio” -como definiu Barge a Curros- será unha das protagonistas deste mes coa inauguración dunha placa na súa honra en Vilanova dos Infantes. Será o día 9, nunha xornada de sábado na cal Celanova estreará mercado, “M de Muller” na Alameda. O obxectivo é “tratar de conmemorar, honrar o carácter emprendedor  das mulleres de Celanova. Darlle un espazo de visibilidade a ese motor económico que son as mulleres nesta comarca”, dixo o xerente, Fernando Conde, que animou ás mulleres artesáns, comerciantes, emprendedoras… a participar na xornada onde haberá música con Blues do País e Rapariga Dj. Ese mesmo día, ás 19,30 horas, Lucía Pérez actuará no Claustro Barroco.

Atendendo a proposta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e coa participación do Obradoiro Femenista de Casardeita, celebraranse as Xornadas Muller e Memoria. Serán os días 16, 17 e 23 de marzo e haberá conferencias, coloquios, proxeccións de documentais e presentacións de libros, como os de Aurora Marco e Lola Varela, tal e como subliñaba a presidenta do Comité, Celia Inés Feijoo Soto “que contarán as súas experiencias e o que saben sobre o tema”, dixo.

O propio día da muller, 8M, inaugurarase a mostra “Muller e Cómic” por Antela Costa no centro sociocomunitario. “Que haxa tantas cousas, é un logro”, dixo o director, Manuel Varela, anunciando dous obradoiros de temática feminina os días 12 e 18 da Escola Galega de Saúde de Cidadáns (previa inscrición).

Te puede interesar