entrevista

"O que nos move é que a xente coñeza a música tradicional e o que iso conleva detrás"

inter2
photo_camera A esquerda, a cantareira Sabela Maneiro.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro integran o grupo de trad galego "Tanxugueiras" que recentemente botou a andar o seu segundo disco

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro integran o grupo de trad galego "Tanxugueiras" que recentemente botou a andar o seu segundo disco, "Contrapunto", onde escachan cos límites da música galega tradicional. Celanova é unha das vilas escollidas na xira de promoción deste novo proxecto, a través dun concerto que terá lugar hoxe, a partir das 20,30 horas ,nas instalacións do auditorio municipal da vila, por o prezo de 14 euros. 

Estades inmersas na xira do voso segundo disco “Contrapunto", a que responde o título ?

Contrapunto para nós significa o que é a vida, que todo o bo ten a súa parte mala, e foi iso o que quixemos reflexar nel. Está formado por cinco temas que teñen a súa cara boa, e outros cinco que se corresponden coa cara negativa, como por exemplo o amor e o desamor ou a amizade e a deslealdade. Algún exemplo concreto do disco sería a canción Autocracia, que sería a dictadura, e o Albedrío, que sería vivir en liberdade e facendo o que che gusta.

Como definiría a razón de ser do grupo? 

Os nosos obxectivos sempre foron, dende o primeiro momento, os mesmos, que a nosa música se escoitara, porque facemos música tradicional, cremos que este tipo de música pode estar en calquera tipo de palco e estamos traballando para que iso suceda. Queremos darlle valor á música do noso país, posto que só existe aquí e temos a sorte inmensa de poder ter este patrimonio. Un non se da conta porque nos veu dado e non tivemos que escarvar moito, e parece que vai a estar aí toda a vida, pero se non se coida e se transmite, chegará un momento no que se vai a perder. O que nos move é que a xente coñeza a música tradicional e todo o que iso conleva detrás. 

O empoderamento da muller é un tema recurrente nas vosas letras, a que se debe?

Cada vez estamos máis empoderadas porque somos máis conscientes do que temos que traballar para chegar ao mesmo lugar que un home. Estamos nunha sociedade machista e por iso estamos intentando fuxir dos micromachismos; e iso tamén se reflicte nas coplas, pois eliximos as que non teñen ningún tipo de machismo nin de xenofobia; porque queremos a liberdade da muller, de aí coplas feministas.

Cal cre que é a situación da música tradicional na actualidade?

Creo que se abriu un horizonte, cada vez máis nenos se achegan e se interesan pola música, parece que aínda hai algo de esperanza.

Que verán aqueles que se acheguen ao concerto de Celanova?

Primeiramente un espectáculo, que conta cun xogo de luces. Ademais encontrarán moita verdade, pois este disco o fixemos e o producimos nós, coa colaboración de Isaac Palacín. Tamén haberá pezas do anterior disco, pero estando evolucionadas ao que hoxe en día facemos. Non faltará moita festa, moita troulería e moita música. 

Te puede interesar