CELANOVA

O pleno decide subir un 22% o soldo do alcalde de Celanova

photo_camera Primera sesión ordinaria celebrada pola nova Corporación Municipal de Celanova.

Cobrará 2.200 euros ó mes e recupera boa parte do 35% que lle rebaixou a oposición no ano 2013

O pleno da corporación municipal de Celanova celebrou onte a primeira das sesións deste mandato, centrada en establecer as bases organizativas que rexerán o funcionamento do Concello. Entre as medidas adoptadas, os membros do grupo de goberno aprobaron unha subida no soldo do alcalde, José Luis Ferro, do 22%, pasando dos 1.700 euros líquidos cos que concluíu o mandato anterior (32.900 euros brutos ó ano) ós 2.200 que cobrará a partir de agora (45.000 euros brutos ó ano). Esta subida deixa o salario nunha cifra inferior ós 2.500 euros líquidos establecidos polo propio Ferro cando recibiu o bastón de mando de mans de Antonio Mouriño hai catro anos, cantidade que despois lle rebaixou a oposición municipal, tras quedar o grupo popular en minoría na Corporación, ata os 1.700 (2.350 euros brutos ó mes).

Ó mesmo tempo, tamén foron aprobadas dúas dedicacións parciais por valor de 20.400 euros brutos ó ano cada unha, unha decisión criticada dende as filas socialista e nacionalista. O concelleiro do PSOE, Marcial Lafuente, considera "abusiva" esta situación posto que "o groso do traballo do Concello está descentralizado e xestionado pola Mancomunidade", como poden ser a recollida de lixo ou os servizos sociais.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez, entende a legalidade do acordo, se ben "é unha pena que a primeira decisión sexa para o soldo do alcalde cando en Celanova hai que comezar por outras medidas".

No tocante ás dedicacións parciais, "chama a atención que a persoa que se vai encargar do medio rural non a teña, porque é un eido bastante abandonado".

Estas declaracións, expresadas pa oposición no pleno, foron calificadas por Ferro como "demagóxicas", considerando que debería existir unha maior regulación sobre o salario dos cargos públicos porque este tipo de debates "cremos que xa están pasados".

Te puede interesar