celanova

As rúas de Celanova acollen a rodaxe da obra “Vento ferido"

rodaje_celanova_result
photo_camera Un momento da rodaxe da obra "Vento ferido" nun parque de Celanova.

Está promovida por unha vintena de estudantes de Comunicacion Audiovisual da Universidade de Vigo

 Un grupo de 19 estudantes de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo toman estes días as rúas de Celanova para darlle vida ó "Vento ferido" que Carlos Casares publicou 1967 como primeira obra literaria. Na orixe eran 12 relatos independentes que estes alumnos enfiaron para compoñer unha obra audiovisual que levará o mesmo título e estará marcada pola "tristeza, a soidade e a incongruencia do ser humano".
Quen o explica é o director da metraxe, Miguel Grandío, que traballa arreo xunto cos seus compañeiros para falar dunha historia realista centrada na volta ás orixes dun mozo fuxido cara Madrid para alonxarse dos problemas familiares.


Trátase da sexta edición do taller "Celanova, plató de ficción", dirixido polo profesor Paulino Pérez e enmarcado no XII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que se celebrará no Auditorio Ilduara entre o 7 e o 10 de xullo. Será neses días cando aparezan os froitos do traballo que estes días desenvolven en forma de tres capítulos que, "funcionan como serie pero tamén teñen a capacidade de funcionar xuntos coma unha mediametraxe sen perder sentido".
Ata entón, "Vento ferido" segue tomando corpo e servindo de experiencia para os alumnos, que proceden de diferentes cursos da carreira e compleméntanse gracias a perfís variados que lles permiten "un acercamento á vida real e isto obríganos a aprender como son as cousas neste traballo máis alá do que poidamos facer como estudantes", en palabras de Grandío. Ademais, "normalmente, durante os estudos traballas con amigos e isto facémolo con xente que non coñecemos, o que fai disto unha experiencia máis enriquecedora a nivel formativo".


Esta aproximación á realidade máis común do traballo audiovisual tráenos cada ano a Celanova, un lugar que funciona "moi ben como plató" gracias ás súas "prazas e rúas e o Mosteiro presidindo toda a vila". Con todo, Miguel Grandío confesa tamén que un dos atrancos que atopan á hora de gravar é "a cantidade de tráfico que hai no centro", posto que os vehículos interfiren na rodaxe.
Os actores que lle dan vida ás ideas dos alumnos de Audiovisuais proceden da ESAD de Vigo; entre eles Germán Alvárez, veciño de Celanova.

Te puede interesar