Santa Baia de Anfeoz celebra San Benito cun programa para maiores e cativos

Procesión de san Benito do pasado ano.
photo_camera Procesión de san Benito do pasado ano.
O sábado 8 concentrará toda a programación da festividade con música e actividades infantís 

A localidade de Santa Baia de Anfeoz, tamén no Concello de Cartelle, celebra a festividade de san Benito grazas ao empeño da Asociación de Veciños A Unión de Santabaia a través da designación dunha comisión dentro da mesma. Unha celebración que ten a toda a aldea emocionada ante unha festa que significa un momento para xuntar á familia e aos amigos nun día de ledicia, reunión, conversa, reencontros e convivencia. “Antes a festividade faciamola no mes de marzo, co san Benito de inverno, pero no 2019 pasamola ao verán aproveitando que sempre hai máis xente no pobo. Despois chegou a pandemia e xa o pasado ano repetimos no verán”, comenta Ana Pumar, presidenta da asociación veciñal. Como noutras ocasións, o orzamento para esta xornada consegueno grazas á colaboración veciñal e a publicidade de diferentes empresas. “Un orzamento que axustamos ao máximo para conseguir que xente de todas as idades desfrute das festas”.

A xornada festiva terá lugar o sábado, día 8, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Municipal de Cartelle desde as 11,00 horas que lembrará aos veciños que están en plenas festas. A continuación, ao redor das 12,00 horas, será o momento da eucaristía e procesión na honra de san Benito e, unha vez rematada, a mesma banda será a encargada de animar a sesión vermú. Para aqueles que desexen desfrutar dunha boa ración de pulpo á feira, estará instalada no campo da feira unha pulpeira. 

Chegada a tarde, tras a comida familiar e a súa obrigada e repousada sobremesa, os cativos serán os protagonistas cun inchable de auga e cunha serie de actividades a cargo de “Rosa dos ventos” que coas súas propostas, como pintacaras ou tatuaxes, farán que o pasen en grande. Será a partir das 17,30 horas, momento no cal tamén haberá un pasarrúas a cargo de Malou e os cinco de sempre que percorrerán as aldeas da parroquia en tractor. Seguiralles a charanga Os Bandiños facendo entre ambas agrupacións que os asistentes desfruten dunha animada sesión musical. 

O grupo Luces de Bohemia porá o broche final ás festas cunha sesión daqueles temas de sempre e das últimas novidades musicais.

Dende a asociación tamén realizan outras actividades ao longo do ano como a xuntanza do magosto, o Entroido e, agora están preparando unha festa de disfraces de verán. E non só se preocupan de organizar eventos de lecer, senón que tamén de levar a cabo trámites e facer solicitudes co fin de que o pobo mellore.  

Te puede interesar