Tesouros na casa de Curros en Celanova

Asistentes a inauguración, entre os que estaban Fernández, Neira, Puga e Piñeiro (de pé), coa orla.
photo_camera Asistentes a inauguración, entre os que estaban Fernández, Neira, Puga e Piñeiro (de pé), coa orla.
Celanova puxo onte o seu toque persoal a inauguración da mostra de “Castelao grafista” de Abanca e Afundación coa incorporación da orla da Facultade de Medicina de 1909 na que se licenciou o autor de Rianxo e na que tamén había un celanovés.

A Casa dos Poetas de Celanova albergou onte a inauguración de “Castelao grafista”, unha mostra xurdida con motivo do centenario da Xeración Nós e que, ao longo deste mes de maio, permitirá aos veciños e visitantes da vila coñecer unha das múltiples facetas do autor de Rianxo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, “un gran currosiano”, dixo na súa presentación o xornalista e secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro.

A colección está composta por 48 obras procedentes dos fondos de Abanca e Afundación y que, no caso da vila de San Rosendo, viuse incrementada con un cadro máis, o da orla de Castelao de cando cursou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. “A verdade é que ten saído na prensa, pero esta é a primeira vez que se expón ao público. Só se conservan dúas orlas de Castelao, son do curso 1908-1909, curiosamente o ano que finou Curros”, lembraba Antonio Piñeiro nun acto que contou coa participación do alcalde celanovés, Antonio Puga; a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández Anguiano, e Rosana Neira, directora da sucursal de Abanca en Celanova, ademáis de veciños e membros do padroado da fundación celanovesa. A casualidade fixo que esta orla da Facultade de Medicina acabase na que hoxe coñecemos como a Casa dos Poetas. Nos anos previos a recuperación do inmoble, cando aínda non se sabía cal sería o fin que se lle ía a dar a casa natal do autor de “Aires da miña terra”, unha parte do inmoble foi utilizado como almacén. E nunha daquelas doazóns que chegaron ao número 35 da calle Arriba estaba a orla propiedade da familia do celanovés Emilio Rodríguez Fernández, quen compartiu estudos co autor de “A derradeira lección do mestre”.

“Dámosvos as grazas, é unha maneira interesante de completar a exposición”, dixo Beatriz Fernández, quen lembrou que a intención deste proxecto é divulgativa, amosando a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares do país. Sen esquecer tampouco o carácter social.

Os visitantes que se acheguen ata a Casa dos Poetas a coñecer ao traballo grafista de Castelao deberán facelo cun quilo de alimentos non perecedeiros que despois, a través do Concello, se entregarán as familias de escasos recursos da zona. Unha campaña que compaxina cultura e espírito social agradecía e destacaba o alcalde. “Moitas grazas por podervos acoller aquí, unha vez máis”, dixo.

Te puede interesar