Festa dos Maios

Trece músicos versionan “O Maio" de Manuel Curros Enríquez

O poema "O Maio" de Manuel Curros Enríquez (1851-1908) protagoniza o novo vídeo musical producido para recibir este atípico mes de maio polo Consello da Cultura Galega, dentro das iniciativas que periódicamente encargan a compositores actuais para musicalizar textos clásicos da literatura galega. Encargos que adoitan estar vencellados aos dous concertos anuais que organiza a institución como o "Concerto das Letras Galegas" e a proposta "No bico un cantar".

O poema, que xa se fixo popular no ano 1975 pola versión musical feita por Luís Emilio Batallán, actualízase agora con 13 novas voces da música galega. Leo Burke, Faia Díaz, Su Garrido, Xiana Lastra, Pablo Lesuit, Brais Morán, High Paw, Narci Rodríguez, Eladio Santos, Najla Shami, Belem Tajes, Yhadira e Nastasia Zürcher foron os encargados de poñer a voz, mentres que a música foi obra de Nastasia Zürcher, o arranxo e produción estiveron a cargo de Adrián Saavedra e Jairo Moreno foi o encargado da edición.

O resultado é un vídeo que mestura rumba con influencias da música tropical "para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario", subliñan dende o Consello. A musicalización do poema, que evoca unha primavera de liberdade e xustiza, coincide co 140 aniversario da publicación de "Aires da miña terra".

Te puede interesar