Unha cruz profanada

undefined
photo_camera A cruz do monte da Obra.

Unha esvástica é un símbolo utilizado desde hai miles de anos por varias culturas, pero tamén é un emblema do nazismo. E hai que saber diferenciar os diferentes significados. Do mesmo xeito, non tódalas cruces son obxectos sagrados ou símbolos piadosos. Depende do significado. Sabíao moi ben o bispo Cesáreo (o mesmo que excomungou a Curros) cando ordenou derribar unha cruz, alzada en Montealegre por iniciativa do profesor e sacerdote Marcelo Macías, porque a algúns se lle metera na cabeza que estaba chea de simboloxía masónica. Ningún católico defendería as cruces do Ku Klux Klan como tampouco ningún católico debería defender as cruces falanxistas dedicadas a homenaxear aos caídos da facción sublevada contra a democracia republicana.

Malia a maridaxe entre a Igrexa e o réxime, o Vaticano chegou a protestar pola utilización de simboloxía relixiosa con fins políticos. En Sevilla, os xerarcas de Falanxe tiveron que instalar a cruz dos caídos fronte ao Alcázar, pola negativa do arcebispo a que eses monumentos falanxistas se fixasen nos muros da Catedral. O cardeal Segura, que era ultracatólico e monárquico, consideraba que esas cruces estaban profanadas pola simboloxía da Falanxe e eran un agravio á santidade dos templos. Na diócese de Ourense, a maioría das cruces falanxistas desapareceron dos muros das igrexas por orde do cabildo catedralicio trala morte de Franco. Preto de Celanova, en Cartelle, unha "cruz dos caídos" foi retirada pola Corporación do Partido Popular nos anos 90. 

O "monumento aos caídos" de Celanova pasou por varias etapas. Primeiramente, foi promovida a instalación da cruz pola Bandeira da Falanxe de Marrocos, unha unidade paramilitar que tan só estivo dous meses de guarnición na vila, onde deixou un triste ronsel de violencia e terror. Na memoria do pobo aínda quedan os metrallamentos indiscriminados contra os presos e o recordo dos sete fusilados por ese batallón de falanxistas. Os seus corpos sen vida, desfigurados, foron abandonados no cemiterio da vila á vista dos veciños. Os fusilamentos tiveron lugar dous días antes da celebración de Nosa Señora da Mercé, patroa dos presos. Segundo a crónica do diario La Región, ese día a Bandeira abandonou triunfalmente a vila despois de celebrar unha misa ante a cruz, onde o comandante encargou ao alcalde "perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos". Con posterioridade, os xerifaltes da Falanxe local e provincial aproveitaron que xa estaba instalada a cruz para preparar o sitio para os seus actos políticos, utilizando como man de obra aos presos que había no mosteiro. Ano tras ano, a cruz sería testemuña de como as autoridades do réxime acudían ao lugar para exaltar publicamente o golpe de Estado, aproveitando para lembrarlles aos veciños quenes eran os que mandaban e por que. O "Día dos Caídos", que coincidía co aniversario da fundación da Falanxe, era celebrado con gran solemnidade. Ante a cruz facíanse as ofrendas, entoábase o "Cara al Sol" e instruíase aos asistentes, especialmente aos mozos, na doutrina falanxista. Os mortos do bando sublevado foron recordados e glorificados como mártires durante anos, utilizados como escusa para lexitimar a ditadura. Namentres, os vencidos xacían (e xacen) en cunetas e foxas comúns (coma os sete fusilados pola Bandera de Marrocos), penaban en prisión ou ían camiño do exilio. 

Coa chegada da democracia cambiouse o uso do espazo, que foi transformado en merendeiro, sen cuestionarse o monumento e a simboloxía que alí había. Tan só desapareceu unha placa que lembraba á Bandeira de Marrocos, destruída por mozos antifascistas. 

Os monumentos falanxistas non inspiran sentimentos cristiáns. Representan todo o contrario do que, segundo a Biblia, predicaba Xesús. Constitúen unha apoloxía visible do terrorismo franquista, un enaltecemento da violencia e da opresión. A cruz presente nestes monumentos debe interpretarse como un símbolo funerario en recordo aos caídos falanxistas, un símbolo político, en calquera caso. A súa intencionalidade foi política, non relixiosa: conmemorar a sublevación militar e honrar á facción gañadora da guerra civil a través dos seus mortos. Non está construída en solo sagrado nin é venerada como obxecto de culto.

Para rematar, hai que dicir que non se trata de quitar unha cruz e borrar o pasado. Ao contrario, hai que desvelar o que alí pasou, resignificar o lugar para que sirva de recordo permanente da opresión imposta aos vencidos, que explique e denuncie como a ditadura ocupou os espazos públicos para facer propaganda dos seus principios, de natureza antidemocrática e totalitaria. O monumento tiña un fin concreto, como deixou claro o comandante da Bandeira de Marrocos ao despedirse. Non pode simbolizar a reconciliación nin homenaxear a todos os mortos mentres esa cruz profanada pola simboloxía da Falanxe permaneza no lugar preponderante onde os seus promotores a colocaron.

Te puede interesar