ourensanos por el mundo

"Venezuela atraviesa un mal momento, pero é un país que deunos moita felicidade"

Carola Montes, en Celanova.
photo_camera Carola Montes, en Celanova.

Carola Montes é unha das miles de galegas que nos anos 50 cruzaron o océano en busca dunha vida mellor. Estes días visita a súa vila natal. 

Cuando e por que marchou?

Marchei polo que marchamos todos os emigrantes, por necesidade, claro. Marchei en 1955, tiña 18 anos e cheguei a Venezuela no 57, despois de estar dous anos en Uruguay. Estaba aínda Pérez Jiménez de presidente. O meu irmán xa estaba en Caracas e alí xa, toda a vida, ata que Deus queira. 

Como foi evolucionando o país dende que chegou?

É un país marabilloso ó que quixemos e queremos todos moitísimo. Agora estamos atravesando un mal momento, pero é un país que se pega moito, deunos moi bos momentos, moita felicidade. Alí casei, tiven tres fillos. Quedei viúva e agora, de paseo por Celanova.

Como cambiou Celanova desde que marchou?

Cambiou moitísimo. Encóntroa moi bonita. 

Alí en Venezuela, os galegos sempre estiveron unidos.

Moito. Temos a Hermandad Gallega e alí practicamente se criaron os nosos fillos. É un clube marabilloso con médicos, escolas... Coñecémonos todos e pasamos momentos moi bonitos. 

Hai moitas diferencias entre o carácter dos venezolanos e dos galegos?

Eu nunca notei un cambio tan grande porque o venezolano é moi dado, moi agradable. Hai de todo, naturalmente. Pero polo normal, a xente é moi acolledora. Eu nunca tiven problemas. Teño amizades venezolanas de toda a vida coas que me levo moi ben. 

Agora ó volver, nota diferencia no carácter dos galegos?

Eu agora xa non coñezo a moita xente da que coñecía. Pero ben, son moi agradables. Acolléronme moi ben, estou moi contenta de ver á familia.

Que lle gustaría que houbera de aquí en Venezuela?

Gustaríame que alí mellorara todo, que a xente non tivera que emigrar. Porque agora o que vén para España, pasa a ser emigrante, aínda que veña xunto á súa familia. Somos emigrantes por segunda vez e iso costa un pouquiño.

E que lle gustaría que houbera aquí do que hai en Venezuela?

Moitas cousas. O clima, as praias que ten toda Venezuela. Hai cousas nos dous países que atraen moito e un añora moitas cousas, dunha parte e doutra.

A morriña nunca se vai?

Non. Os galegos somos un pouquiño morriñentos. Pero despois de tantos anos, un xa se sente un pouco máis de alá que de aquí. Pensa que cheguei alá no 1957, estamos no 2019.

Te puede interesar