Miles de persoas acudiron ao Burgo Medieval celanovés no transcurso da novena edición da Romería Etnográfica Raigame

Vilanova exalta os vellos oficios tradicionais

Vilanova dos Infantes viviu onte a súa peculiar celebración do Día das Letras Galegas coa evocación dunha multitudinaria romería popular de principios do século pasado. Miles de persoas desfilaron polo Burgo Medieval celanovés no transcurso da novena edición da Romaría Etnográfica Raigame, onde os vellos oficios gremiais, especialmente os zapateiros e zoqueiros de Vilanova, foron os protagonistas da festa.
As fincas e lameiros dos veciños convertéronse nun improvisado aparcadoiro para os visitantes. Namentres, os celanoveses optaron, como nos vellos tempos, por baixar a pé dende a vila para disfrutar dun día de romaría. Danzantes, cantareiras e cabezudos recibían os visitantes nunha exaltación da cultura tradicional que, entre as rúas, contaban coas demostracións en vivo de alfareiros, canteiros, carpinteiros, cesteiros, palilleiras, oleiros, orfebres ou zoqueiros. Nunha representación da identidade do pobo galego, non podían faltar as tabernas e demais postos gastronómicos, coas racións de polvo, xabarín e o porco a esgalla. As estreitas e empinadas rúas da vila foron un ir e vir constante de xente que, pasadas as sete da tarde, pechaban as súas portas tralo concerto da Banda de Vilanova. Nesta xornada festiva entregóuselle o premio honorífico ao 'afiador' Florencio de Arboiro. O día contou ca presencia de ducias de participantes no certamen fotográfico.

Te puede interesar