RAIGAME

Viaxe polas vellas romarías

Os sons dos vellos oficios galegos mesturáronse coas melodías de cantareiras e gaiteiros na romaría etnográfica Raigame que, cada 17 de maio, traslada ao século pasado as rúas do burgo medieval de Vilanova dos Infantes

As empedradas rúas e prazas do burgo medieval de Vilanova dos Infantes, en Celanova, trasladaron onte aos seus visitantes á primeira metade do século pasado na posta en escena da romería etnográfica Raigame. Varios miles de persoas achegáronse ata o burgo medieval para vivir dun xeito singular o Día das Letras Galegas, lembrando a Manuel María, pero tamén aos artesáns que aínda hoxe manteñen vivos os vellos oficios tradicionais galegos.

Un deses gremios, o dos segadores que dende o século XIX viaxaron a Castela para participar nos traballos da seitura, foi o protagonista desta décimo quinta edición. Exposicións de ferramenta e maquinaria, fotografías, selos, pases documentais e demostracións en vivo da man dos veciños de Queiroás, que cada ano protagonizan o ciclo do pan en Allariz, foron algunhas das actividades organizadas para lembrar a eses homes e mesmo nenos que, no verán, viaxaban a Castela para gañar uns cartos que complementaban a economía familiar. Un colectivo de gran arraigo no rural galego e que, segundo subliñou o historiador Antonio Blanco no simposio celebrado no antigo Centro Comarcal, "participou durante un tempo nos campos de Toledo Manuel Blanco Romasanta, o home lobo de Allariz".

En coche, a pé ou mesmo a cabalo chegaron os romeiros á festa. O autobús de liña dos anos 50 posto pola organización para cubrir o traxecto Celanova-Vilanova, tivo que redobrar as rutas para atender á demanda de viaxeiros que, especialmente nas primeiras horas da mañá, facían cola na Praza Maior da vila de San Rosendo. 
No burgo, os sons das gaitas, pandereitas e tambores de ducias de agrupacións, consolidadas ou improvisadas, acompañaban aos visitantes que ían á procura dos postos distribuidos nos baixos cedidos polos veciños. Salóns particulares e adegas que, por un día, reconvertéronse en tabernas ou tendas de productos textís, bisutería ou de instrumentos tradicionais. Mentres, facendo fronte ao sol, as prazas acollían demostracións dos oficios e os espectáculos de monicreques e teatro.

Pasado o mediodía, a Praza Maior acolleu o acto público para conmemorar o centenario da galeguización do topónimo Vilanova dos Infantes e a entrega do premio honorífico "Adolfo Enríquez" ao etnógrafo Clodio González pola súa aportación á cultura tradicional galega e a Raigame.

Te puede interesar