Arte et alia

Alberto Fernández dálle corpo á lúa preñada de sonos de Xela Arias

Foi unha inauguración meritoria no canto da Primavera das Letras na “Insua dos poetas”. Para aquela finais do pasado marzo ideouse “Xela Arias en liberdade: auga, árbores, palabras”, rechamante acto consonte á Semana Escolar da Árbore e da Auga, e o Día Mundial da Poesía. No escenario houbo un espectáculo de ar circense pola conxunción de danza, música e lume, acompañando o recital de Yolanda Castaño baseado nos poemas da homenaxeada das “Letras Galegas_2021”. A poeta Arias, que traballou como tradutora galega, foi tamén editora e na súa fase derradeira profesora, tiña conseguido que viran a luz catro poemarios antes dos corenta e un anos, momento en que se lle apagou a vida. Daquela, escintilou no amencer das lembranzas dos que a quixeron, e admiraron, para entrar na Academia dos Inmortais das Letras Galegas. Tralo acaído do prolegómenos, inaugurouse a escultura dedicada a ela, de poderosa forma, traída das canteiras da Caniza. A forza da pedra, chantada sobre dous puntos na procura da estabilidade do equilibrio sobre unha informe base pétrea semella tan rebelde e natural como Xela e o seu primeiro libro. Nel, amosou afastarse dos lugares comúns, como nesta inauguración. A carón dela, púxose o fito das datas fulcrais de Xela Arias. E coa presenza dunha parte significada da familia resplandeceu o acto. Darío Gil, fillo da poeta e a súa avoa Amparo Castaño, a nai dela foron os significantes. Velaquí unha presenza sobranceira que marca distancia con outras homenaxes, de tenrura e dor a un tempo, coa que achegarmos dende os seus sorrisos á realidade da vida da nai e o fillo, escintilando na lembranza a Xela dende os seus feitos literarios neste espazo singular da parroquia de Madarnás-Carballiño, Ourense. E á natureza construída engádese a da arte escultórica para conmemorar con versos acaídas efemérides. A poesía, sempre. Todo elo como adoita ser nesta Insua segundo o guión e directrices de Luís González Tosar, o gran poeta bonaerense-galego, nado no Palermo viejo e renacido na Galicia de Vigo e as vellas terras de Orcellón ourensáns.

Amparo Castaño e Darío Gil, ante o fito de Xela Arias na Insua dos Poetas.

Amparo Castaño e Darío Gil, ante o fito de Xela Arias na Insua dos Poetas.

JOSÉ ALBERTO FERNÁNDEZ, DE DACÓN

Para este artista apegado á terra como mestre canteiro foi reto e proba de paciencia seguir o proxecto ata poñer o ramo, o que acadou logo de diversos avatares, co aceiro inoxidable, tras desbotar o cobre. E deulle así, tres meses despois, corpo escultórico ao concepto no que se centrou, “unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños”, verso de Arias suxerido por Tosar. A escultura acada así o seu carácter dual, binario, bífido tamén, neste ilustrado campo escultórico entre carballas e carballos. “Que verso escoller, que pezas do poema? Que flor para Xela Arias?”, preguntábase recentemente Emma Pedreira. E tiña que ser este do poema de Arias, que viu a luz en 1982, “…unha árbore… /a esparexerse enche-lo espacio do universo cheíño de estrelas olliños calados que coas nubes xogaban ó escondite …unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños… e indo pasando vindo pousa-lo índice no embigo dunha orquídea celeste e, ó mellor, facerlle cóxegas ”. Aquí agroma a súa semente.

Te puede interesar