Arte et alia

Álvaro de la Vega, tempo de oxímoros

A mesa coa escea singular tomada de La Vida de Picasso.
photo_camera A mesa coa escea singular tomada de La Vida de Picasso.

Fai tempo que está na principal sala de exposicións do centro cultural da Deputación un “Oxímoro” como o da “Árbore da vida”, que o gran escultor da madeira de Galicia foi desenrolando e facendo medrar durante dous lustros nos seus sucesivos talleres de Corcubión e Rianxo, un proxecto pensado para aboiar entre nós, inicialmente, antes da pandemia, mais foise a Vigo, para verse agora en Ourense, con outra luz.

Álvaro González de la Vega (Paradela/ Lugo, n.1954) iníciao en 2012 como “El árbol de la buena vida”, tallando unha morea de pequenas pezas nese eucalipto utilizado noutrora nas bateas, de tons negros e morados pola acción da auga salgada que oxida os cravos de ferro, engadíndolle toques de cor nas brancas roupas interiores, tan clásicas, e nos beizos. Nunha curta cinematográfica de Nayra Sanz vemos que xa tiña feito en 2014 varios dos grupos relevantes do conxunto, caso dos da escada partida, tan escenográfico, ora no piso, ora pendurados, aos que axuda un homiño tensando un cable, ou o da violación grupal. Eles son dous dos tres pés da trébede que conforma a obra que é, no fondo, unha soa. Ela “é coma un gran río: ao principio parece monótono, pero cando nos agachamos e prestamos atención descubrimos mil universos singulares”, escribiu o artista. As expresións e xestos destacan nas pezas, que teñen unha elaboración minuciosa dende numerosos debuxos.

Escena cos castellers, que remite a Barcelona, donde estudou.
Escena cos castellers, que remite a Barcelona, donde estudou.

Na exposición busca o artista o horror vacui, un efecto-masa dende a morea de figuras, cun número arredor das trescentas setenta e cinco tallas, dispostas principalmente sobre mesas e bancos. Uns fan, actúan, outros miran. E singularízanse significadas escenas nas beiras da sala, caso das dos homes que revoan sobre as mulleres, literalmente, e o grupo de homes dispostos como castellers cataláns, un da cabalo doutro, que a femia descende das alturas en aproximación sexual explícita. Outras remiten a xogos, escenas de fachenda, dominio ou poder, escenas de baile, de masculinidade escatolóxica, parellas homosexuais, grupos lésbicos, un tocarse, un ulirse, con rostros simiescos nalgunha peza, expresións dos “mitos máis ancestrais do inconsciente colectivo humano”, como dixo o escritor e profesor de filosofía Ricardo Losada, amigo seu, cando a viu na primavera de 2019 en Vigo. “Aloucados, entusiastas, carnais, submisos, vividores, pasivos, xentís, solitarios... todos caben e buscan o seu lugar na árbore da boa vida”. Así a escena principal do cadro La Vida de Picasso, que se materializa. Así nos dous grupos significados nas raíces, colocados a propósito diante das dúas portas exteriores, un con homes e mulleres, outro con nenos. Sempre a madeira, pois, como explica: “impórtame a memoria da madeira que utilizo: a súa viaxe, primeiro árbore durante séculos no bosque, despois batea durante décadas, hoxe escultura, mañá quen sabe”.

Dúas circenses escenas da ampla mostra.
Dúas circenses escenas da ampla mostra.

¿U-LO OXÍMORO?

¿Eis unha sorte de “Comédie humaine” Balzaquiana, ou da “Condición Humana” ao xeito de Arendt? Coido que o paralelismo está preto de “La Vie mode d’emploi”  de Perec, estruturada nunha casa simbólica como se dun quebra cabezas se tratara. Como aquí, coas mesas/escenas nunha disposición flexible..., malia que nos poidan traizoar as imaxes, obrigados como estamos a velas dende os sentidos, que enganan. Tal naquel Xardín do Edén, no que a carón da Árbore da Vida, estaba outra, a Árbore do Coñecemento do Ben e do Mal... Que “todo era verdad bajo los árboles...”, como asegurou o poeta.

Te puede interesar