A bolboretiña do día | Estafermo

O outro día dicía nun artigo que o rei non podía vir de “estafermo” a Ourense -na inauguración do AVE- ou sexa a estar calado e apampado,  de paspallán. E pois si. A palabra estafermo, como tantas outras, é común ás tres linguas hispánico occidentais, isto é galego, portugués e castelán e aínda a coñecen moitos falantes vellos.  Seica vén do mundo cabaleiresco italiano. Daquela un estafermo –“stá fermo”, “está quieto, parado”- era un grande boneco xiratorio, a xeito de espantallo que había que acometer con lanza e ao galope nalgúns torneos medievais, ou en adestramentos para eles,  que suxeitaba cunha man un escudo e coa outra un peso colgante para tratar de derrubar ao que batese no escudo. Curiosamente este boneco tamén se chamaba na lingua de Italia “fantoccio”, de onde vén, claro, “fantoche”.  Por certo que hai unhas décadas, vin un paisano interpelando -afalando- a unha vaca nun camiño calquera dicíndolle “Cía, Cía” -para que fose para atrás- e “Ferma aí, ferma”  -para que parase- no medio das outras expresións xerais de ánimo como “Abilloei, ei vaca bei” ou cousa así, pois moito de “vaca” non lles falo.

Te puede interesar