A bolboretiña do día | Estar para retellar

Hai arestora moitos interese na aprendizaxe da lingua como se ve no exitoso programa “Dígocho eu” da galega, no “Portal das palabras” da RAG e a Fundación Barrié, nestas propias “Bolboretas” ou na sección de “Fraseoloxía” do xornal dixital “Galicia confidencial”. Nesta última, da autoría do lingüísta Xosé Antonio Pena Romay, leo moitas frases populares interesantísimas como equivalentes de expresións castelás. Por exemplo, para “Le falta un tornillo”, mellor usar a galega “Chóvelle” ou “Chóvelle na cabeza”. E si, efectivamente, así dicimos todos, pero sempre hai quen lle dá unha volta máis, enténdese ben o que quere dicir e queda por imaxinativo. É así como funciona a creación popular da lingua. Lembro o caso dun home da Limia que quería dicir que outro estaba un pouco para alá, e vez de usar o sabido “Chóvelle”, deulle unha volta e dicía “O pobre está pra retellar”, o que, como ben entendemos todos, é forma indirecta e suave de dicir que lle “chove”. Si, a fraseoloxía é unha delicia de creación constante, e pensamos, sumamente intraducible. Como diríamos “Velle quédalle á carreiriña dun can”? A la carrera de un perro? Vai ser que non.

Te puede interesar