Cultura

Bueno Salto bota a mirada atrás dos seus catro últimos lustros

Cerámica, e cadros do seu  atelier como bodegón.jpg_web
photo_camera Cerámica, e cadros do seu atelier a modo de bodegóns

Chega “Pedro” Bueno co seu proxecto expositivo dende Ferrol, nord-noroeste da Terra. Trae a súa retrospectiva de Vinte Anos do Centro Cultural Torrente Ballester, onde estivo até abril, á ampla sala dúas, no primeiro andar do Centro Cultural da Deputación. José Antonio Bueno Salto (n. 1952), segundo o seu D.N.I. exhibido en vitrina autobiográfica, é un pintor coruñés vencellado á vella rúa herculina Marconi, equidistante do Campo de Marte e do cemiterio de San Amaro, no espazo da cidade histórica. Por elo non pode estrañar que guste de pintar as antigas rúas, Calle Real, Riego de Agua, Puerta Real/Casa del Rey ou o Campo de la leña (Plaza de España), por onde corría de neno, segundo confesa, rúas, prazas e arredores da súa cidade que percorre cada semana co grupo As Xubias, pintando acuarelas, actividade que nos gustaría ver en Ourense...

Este admirable artista autodidacta de fonda traxectoria visitou o Liceo da nosa cidade coas súas obras en 1980, década de exposicións e na que comeza de profesor nos Salesianos, dando comezo ás inquedanzas con Desnivel e un grupo de artistas, José Luis Vasconcellos, Ramón Manzano, Nito Da Vila, Xosé Cobase e Gancedo; aventurándose aínda en 2003 co Grupo Mámoa co mencionado Vasconcellos, e Folgueira. Exorna as fachadas do Club del Mar de San Amaro en 2005 cuns acaídos murais, centro que acolle en 2010unha exposición súa. Outras mostras teñen sido no Liceo de Noia/2007, concello de Culleredo/2008, Galería Vieira, Porto/2009 e a Deputación da Coruña/2010, institución que lle dedica un libro en 2016 dentro da serie de Grandes Pintores. Este mesmo ano a Asociación ARGA (de Artistas Plásticos Galegos), á que pertence, distíngueo coa VIª Paleta de Prata.

Amósanos Bueno Salto, como en Ferrol, a súa grande serie dos Pecados Capitais, 2000, tan de actualidade aínda, malia a perda de valores católicos, ca Avaricia, Envexa, Gula, Ira, Luxuria, Preguiza e Soberbia, que son a base da mostra. Ogallá os contrapuxera coa Xenerosidade, Caridade, Temperanza, Paciencia, Castidade, Dilixencia e Humildade, respectivamente, vistosas de representar e tan apropiadas, esquema binario con predicamento dende na Idade Media e Renacemento. E con aqueles, Puertas del infierno, 2001, e Desexo, 2004, escollida como cartaz. En todas, as formas figurativas representadas, poderosas as femininas, falan do seu desempeño técnico, sempre con tonalidades escuras, un contínuum expresivo na súa paleta cromática, co que aborda rúas e espazos urbanos, outra das súas temáticas, gustando crear sensacións e atmosferas. Unha forma de ver, tan norteña por outra parte, que xera efectos dramáticos. Na introdución de Eva Veiga, trufada de citas, é reconfortante ver aboiar a Maurice Merleau-Ponty quen é, co seu pensamento, o tal para o caso que nos ocupa, pois o espazo non é un lugar senón un ambiente, que é o seu forte na representación do campo, paisaxes ou fragmentos de natureza. Así nas papoulas, cheas de carga emotiva na súa construción pictórica. Caso oposto so os retratos infantís. De seguro que o liberan as pezas escultóricas cerámicas, cabezas de ar mitolóxico que lle dan un plus ao seu elenco plástico.

Te puede interesar