Arte et alia

Cen anos do natalicio de Antón Tovar

A exposición, cos orixinais de “El tren y las cosas” en primeiro termo.
photo_camera A exposición, cos orixinais de “El tren y las cosas” en primeiro termo.

Devalando vai o ano no que Antón Tovar Bobilllo, falecido en 2004, cumpliría cen anos (1921-2021). E antes de que o sumidoiro do tempo do calendario se leve este denso ano achegámonos á Limia alta co gallo da celebración conmemorativa cunha exposición e unha escultura, e descansar a mirada na súa paisaxe. Imos na procura desa luz nos días deste mes final de ano. E tempo tivemos de ver como “camiña só o vento,/ camiña pola Limia / e aloumiña os penedos” (Berros en voz baixa, 1990). Un raposo e unha parella de pito-reis, fermosos paxaros, deixáronse ver, saudando os nosos andares. Nado o 26 de outubro na aldea da Pereira, San Pedro de Sabariz / Rairiz de Veiga, nas arqueolóxicas abas do monte Albán. Nas inmediacións está o Museo Etnográfico da Limia, concello xa de Vilar de Santos, onde hai unha mostra dedicada ao gran poeta. Achegámonos á exposición en tres expositores na sala dedicada ao liño. Alí a carón dun tear cun tecido teceron os seus promotores o acaído plan de facer coincidir os textos co téxtil en acaída trama filolóxica. Neste fiadeiro achamos os seus libros, e entre eles “El tren y las cosas”, ilustrado por Virxilio Fernández e moi posiblemente Arturo Baltar aínda que só as de aquel vaian firmadas. Acompáñaos catro dos orixinais enmarcados, dous de cadanseu artista. Está tamén a esclarecedora adicatoria en “Arredores”, 1960, “Á miña Tuchiña, a miña noiva que atopei en Vigo non sei por qué milagre” o “ 30 xulio 1968 / Dia de las Cies”. As outras vitrinas teñen fotos, documentos, o seu bastón e o texto dedicado a un “bastón alegre”, que o contextualiza: “hoxe, á porta do alén... non son horas de bágoas, eu non choro, o río vai á Nada e eu sorrío porque Teña un bastón que é o meu namoro”. Na sala destaca a acuarela vermella de Quessada dedicada a “Siri”. Foi publicada nunhas páxinas especiais, “Tovar na memoria”, da revista Lethes, 2004-5, que conformaron o fundamental dun libro monográfico da Xunta en 2007. Ao seu carón, un recorte de prensa de febreiro de 1991onde posaban un grupo de amigos no Pingallo para homenaxealo co gallo do premio Losada Diéguez polo libro “Berros en voz baixa” que lle entregarían ese ano; e unhaa foto de grupo, entre os que está con Segundo Alvarado, Víctor Campio, Eduardo González Ananín e Augusto Valencia, amigos, camaradas e colegas.

ESCULTURA DE MONTEIRO

Centra a sala da biblioteca de autores da Limia unha peza de aceiro corten coa silueta do rostro do poeta, virándose cara nós. Por baixo dela lense os títulos dos seus libros en galego, dende Arredores até o Diario dun vello revoltado, pasando por Non, Berros en voz baixa ou a Nada destemida e Calados esconxuros, escritos ao xeito de entender e o pulso de Toño Monteiro, o artista Ganceiros / Lobios. Vai inserida nunha fermosa peaña, media torada dun carballo duns cincuenta anos fixada con catro cravos de fundición dos antigos carros de bois. Un acaído símbolo do cerne da terra.

A escultura de Monteiro.JPG_web

Te puede interesar