Centenares de escolares marchan en Vigo para reivindicar o galego

Centenares de escolares marcharon hoxe polas rúas de Vigo para reivindicar o uso do galego no marco da denominada 'Correlingua', iniciativa que percorrerá quince localidades de Galicia e que pretende involucrar uns 45.000 participantes, segundo os cálculos da organización.
Reunidos na Praza do Rei, fronte ao edificio consistorial, e tras unhas breves palabras da concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e do alcalde, Abel Caballero, os nenos emprenderon o camiño cara ao parque de Castrelos, onde gozaron dunha serie de actividades lúdicas.

Citados baixo o lema 'En galego sempre somos', os escolares rivalizaron en orixinalidade tanto dos cánticos coma das pancartas elaboradas por eles mesmos e completaron o percorrido, duns tres quilómetros aproximadamente, baixo un intenso sol.

O obxectivo do 'Correlingua' é, segundo explicou un dos seus organizadores, Bieito Lobariñas, protestar polo 'déficit' do uso do galego nas institucións públicas e reivindicar 'dunha forma razoable e potente' que se 'normalice' a lingua 'nun país que se chama Galicia'.

A campaña de defensa do galego comezou o pasado 2 de maio en Santiago de Compostela e concluirá mañá en Ourense.

Te puede interesar