O Centro Coreográfico Galego reunirá a próxima semana a 37 compañías de danza en Santiago de Compostela

A I Mostra de Danza de Galicia, organizada polo Centro Coreográfico Galego (CCG), reunirá entre os días 26 e 30 de abril a 37 compañías galegas de baile en Santiago de Compostela.
O evento, que conmemora o Día Internacional da Danza, terá lugar no Salón Teatro compostelano, que acollerá ao longo dos cinco días da mostra a máis de 20 pezas cunha duración aproximada de media hora.

Ademais, na mañá do sábado, 10 das formacións artísticas participantes realizarán un espectáculo aberto aos viandantes na praza de Cervantes.

A primeira xornada, que terá lugar a partir das 17.00 horas do martes, contará coa participación do grupo de música tradicional da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), a compañía de danza Entrecaixas, varias coreografías e espectáculos e unha actuación final, a cabalo entre o teatro físico, a danza e o 'novo circo' que correrá a cargo de Lusco e Fusco.

As entradas, á venda no portelo do Salón Teatro, custarán 5 euros por actuación. Tamén será posible adquirir un bono para todos os espectáculos cun custo de 20 euros.

Te puede interesar