Juanes dará un concerto no auditorio vigués de Castrelos o próximo 15 de xullo

O cantautor colombiano Juanes volverá a Vigo oito anos despois da súa primeira visita á cidade olívica, e dará un concerto no auditorio de Castrelos o próximo 15 de xullo. Este é o primeiro dos recitais confirmados para as Festas de Verán do municipio.
O internacionalmente coñecido cantante acudirá á cidade galega co seu último disco P.A.R.C.E., ao que corresponden temas como 'Regalito' ou 'Yerbatero', pero tamén interpretará cancións de traballos anteriores como 'Volverte a ver, 'La camisa negra', 'Me Enamora' ou 'A Dios le pido'.

Vigo será a única cidade de Galicia que Juanes visite na súa xira por territorio nacional, que inclúe 10 cidades e que se realizará tras percorrer os EE.UU..

Juanes é o autor en solitario de todos os temas que compoñen os seus cinco discos e vendeu ata a data 12 millóns de copias en todo o mundo. Recoñecido con premios como un Grammy, 17 Grammy Latino ou 18 MTV, entre outros; o colombiano estivo en Vigo hai 8 anos, cando era un artista emerxente. Agora volve como artista consolidado.

Te puede interesar