A Mostra de Teatro Infantil de Nadal pecha a programación anual do Salón Teatro de Santiago con 5 espectáculos

O Salón Teatro de Santiago de Compostela pechará a súa programación deste ano 2011 cunha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que ofrecerá do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos de teatro de actor, clown e monicreques.
Organizada polo Centro Dramático Galego dende o ano 2000, nesta undécima mostra participarán as compañías Teatro da Estada, coa montaxe 'Area e auga'; Artello Teatro alla Scala 1:5, con 'Cinderela Mix'; Teatro do Morcego, con 'O Gato Manchado e a Andoriña Siñá'; Fantoches Baj, con 'Fábula Galénica'; e Teatro do Noroeste, con 'Piratas'.

As funcións desenvolveranse cada día ás 19.00 horas e as entradas para asistir a cada un dos espectáculos poranse á venda na taquilla do Salón Teatro, que permanecerá aberta os días de Mostra dende as 17.00 horas. Tamén poderán adquirirse anticipadamente a través de www.novagaliciabanco.es ou do teléfono 902 43 44 43.

PROGRAMACIÓN

A compañía Teatro da Estada será a encargada de iniciar a programación o luns 26 con 'Area e auga', unha peza sobre o valor de vencer o medo ás situacións novas dirixida a nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos.

Ao día seguinte, o 27, será a quenda de Artello Teatro alla Scala 1:5, que presentará a montaxe 'Cinderela Mix', unha nova versión dunha das historias máis tradicionais para nenos; mentres que o día 28 Teatro do Morcego levará a escena 'O Gato Manchado e a Andoriña Siñá', unha peza que achega aos nenos o amor cara á natureza e a importancia da amizade coa historia dun gato que se namora dunha andoriña.

Os monicreques de luva chegarán á Mostra de Teatro o xoves 29 da man de Fantoches Baj e a súa 'Fábula Galénica', unha peza elaborada a partir do texto co que Ignacio Vilariño foi galardoado en 2010 co Premio Barriga Verde. Nela, réndese homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e á ciencia farmacéutica.

Finalmente, Teatro do Noroeste será a compañía encargada de pechar a mostra o venres 30 con 'Piratas', unha montaxe que narra as aventuras dun particular barco pirata.

Te puede interesar