ARTE ET ALIA

As pegadas de El-Rei Afonso X en Galicia

photo_camera Zanfoña e Santa María, Strela do día, CSM 100.
O deseño da mostra é de Roger Badía, arquitecto especializado nestas efémeras empresas

Fai un tempo que temos en Ourense esta exposición organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Antoni Rossell, profesor da Universitat Autònoma, Barcelona, especialista estudos comparados literatura e música, que se exhibe no centro cultural da Deputación. Eis a segunda estación do camiño desta singular mostra que nace seguindo o ronsel das pegadas daquel Rei no Antigo Reino de Galiza, nado en Toledo e falecido en Sevilla no 1284. A desculpa son os 800 anos do seu nacemento 1221/2021, o próximo 23 de novembro. Rossell explicitou un proxecto baseado no mundo afonsino en clave musical e astrolóxico/astronómico. Por elo a penumbra nas dúas salas expositivas e as cadeiras especiais, para a contemplación levantando a cerviz...

O deseño da mostra é de Roger Badía, arquitecto especializado nestas efémeras empresas. Todo elo tivo a súa cumprida expresión na antiga igrexa da miña universidade de Compostela onde se estreou, aproveitando a súa planta de cruz latina, con cúpula e lanterna no cruceiro, cara onde se dispuxeron pantallas nas que se proxectaron contidos audiovisuais, que aquí entre nós se espallaron polas paredes da sala grande. Na pequena, separada dela, están documentos orixinais, procedentes do Arquivo da catedral auriense, caso do Tombo das Viñas de Ribadavia ou un privilexio rodado no que o rei exime aos clérigos da catedral do pagamento de moeda o 1.III.1258. Entre todas as vitrinas destacan as das reproducións das Cantigas de Santa María. Dende o seu Scriptorium propiciouse a escrita en castelán nos documentos públicos, e da súa propia man saíron en lingua galega as 420 composiciones que as conforman e outras 38 cantigas de escarnio e maldizer. Extraordinario. Son textos e melodías, polo que poden ser reproducidas. Hai na exposición outras vitrinas con reproducións de instrumentos musicais, cítola, viola de brazo y arpa da Deputación de Lugo; zanfoña, rota e organistrum da Deputación ourensá, baseadas nos pórticos do Paraíso e da Gloria, principalmente. As Cantigas en galego foron o empeño dun Rei que quería ser Emperador, un presente para enviarllas ao Papa e avalar así a súa pretensión en selo, o que se deu en chamar “el fecho del imperio”: a cultura como feito político.

Forma Antiqva en Xunqueira de Espadanedo o pasado día trece, Festival Pórtico do Paraíso

Forma Antiqva en Xunqueira de Espadanedo o pasado día trece, Festival Pórtico do Paraíso.

Hai ademais, cinco pilares triedros, con entrevistas a expertos, Francisco Prado-Vilar doutor en Hª da Arte por Harvard, os profesores de filoloxía Elvira Fidalgo, Helena de Carlos, Henrique Monteagudo, o experto en Hª do Dereito da UdeACoruña Eduardo Cebreiros, e Carlos Núñez, gaitero e divulgador musical; pezas que nas outras facies levan imaxes asociadas á época do Rei Sabio: Santiago de Gustei, Cáliz e Báculo de San Rosendo, Xto. de San Salvador de Vilanova dos Infantes, Virxe do Leite de Oseira ou o cáliz do Cebreiro. Unha manchea de carteis ofrece densa e interesante información, sendo ampla a referida a Vila de Allariz, na que se instalaría o convento das Clarisas, fundación da muller do Rei, Dª Violante. E locen, reproducidas na mostra, a Virxe abrideira e a cruz de cristal de rocha. Temos así apuntados diversos itinerarios medievais pola nosa provincia, e tamén das outras do Antigo Reino de Galicia.

Te puede interesar