SAN MARTIÑO

Correr non é para covardes

Carreira de San Martiño 2014
photo_camera Carreira de San Martiño 2014

Os dez quilómetros da San Martiño serven coma unha inmellorable forma para probarse a un mesmo, tanto a nivel físico coma mental

A primeira vez que corrín a San Martiño tería uns once anos, creo que estaba en 5º de primaria. Daquela non é coma hoxe e en día, na proba escolar tamén había que correr os dez quilómetros. Tampouco existía a Ponte do Milenio. Tamén se pasaba pola Avenida de Marín. Foi xusto alí onde abandonei a carreira, xusto na metade da rúa. Pero mentres eu abandonaba a miña xemelga finalizaba a carreira cos adultos. Sempre se lle dera correr ben. Tiña unha resistencia innata, unha que non quixera vir de serie comigo. Sempre tan distintas, tan diferentes, ata para isto. Lembro que repetiu algún ano máis, facéndoo bastante ben para ser só unha rapaciña.

Enterrei na memoria aquela frustración. Pasarían moitos anos antes de que eu volvese a correr. Comecei porque quería facer algo de deporte, baixar uns quiliños. Ao principio non aguantaba máis de vinte minutos correndo. No 2010 volvín á San Martiño. Remateina en nunha hora e cuarto. O ano seguinte baixei o meu tempo a sesenta minutos e no 2012 e 2013 quedeime nos cincuenta e oito minutos. Este ano o obxectivo era repetir a miña marca do ano pasado e cun pouco de sorte, baixala. Pero as cousas moitas veces non son como as planeamos.



Choiva e caixóns verdes

Cando estou a estirar empezan a caer algunhas pingas. Hai un mar de xente no Pavillón dos Remedios e nos arredores. Moitos corredores levan as camisetas deste ano. Doulle o suadoiro á miña irmá e colócome no caixón verde mentres o seu mozo se sitúa no amarelo. Morro coa envexa. Fáiseme eterna a espera, o pulsómetro non minte, estou nerviosa. Pasa case un minuto dende que cruzo a saída. Atravesamos a Ponte do Milenio e agárdanos a costa rompe pernas da rúa Xesús Pousa Rodríguez. O primeiro quilómetro é un prato de difícil dixestión. Levo diante o globo dos sesenta minutos. Mal sinal. Se non recupero baixando polas Caldas e polo Progreso eses minutos están perdidos.

Chove e os cristais das gafas énchense de bafo. Pasando pola Ponte Vella esvaro e dispáranseme todas as alarmas, o que menos me apetece é bicar o piso. Vou moi acelerada, non consigo dosificarme e esa sensación vaime ir desgastando a medida que pasen os quilómetros. No quilómetro catro semella que as forzas volven a min, mais só é un falso espellismo.

Xa levo media hora correndo, e penso que os primeiros xa deberon chegar á meta. Non me queda outra que comezar a aceptar o fracaso que vai ser este ano. O tío do mazo é un sádico que decidiu pendurarse do meu lombo e facer toda a San Martiño comigo. Pregúntome que raios fago aí, é domingo e debería estar en cama co gato quentándome os pés. E despois do cinco vén o seis, rúa Padre Feijóo, Colón e ábrese a Praza Maior. Debería estar voando e só son unha tartaruga. “Ánimo Elisa, valente!”. Quen berra é Pablo que debe estar co seu neno. Nas garrapiñadas, está o Josito que tamén me anima. Xa queda menos. Faltan tres quilómetros e esta debilidade que sinto nas pernas e non peito non son normais. Son consciente, vou facer máis dunha hora, pero vaime custar un ril rematar. Acabar, como sexa, pero acabar.



Chega o final

Entre o quilómetro oito e o nove outros anos agardaba por min a confianza. Onde se meteu? Quizais hoxe a atope entre os meus temas da oposición coma nestes meses. Na Ponte Nova adiántame o matrimonio que tiña xusto diante na saída. É o derradeiro quilómetro e xa non teño gasolina no motor. Ponte Vella outra vez para pechar o círculo. Teño coidado de non esvarar. Estou exhausta, pero nada máis ver a meta lánzome a correr como se non houbese un mañá. Agora si responden as pernas, mais a rabia silenciosa na que se foi transformando todo o meu querer e non poder fai que free para atravesar a meta camiñando. Rematou. O cronómetro marca 01:06:49. Que parva fun ao queixarme dos meus cincuenta e oito minutos o ano pasado, maldito perfeccionismo.

Logo do avituallamento busco ao meu mozo, ese sempre será o meu premio. “Polo menos cheguei antes que Iron Man”, coméntolle para quitarlle ferro ao asunto. O martes ou o xoves volverei saír a correr. Xa só quedan trescentos sesenta e catro días para a próxima San Martiño.

Te puede interesar