Baixo o lema “Reduce. ti tes a chave”, Sogama e Medio Ambiente lanzan conxuntamente unha campaña dirixida a concienciar á poboación en torno á menor produción de refugallos como primeiro paso para una xestión s

Aposta pola educación para reducir a produción de lixo

Sogama e a Consellería de Medio Ambiente lanzan conxuntamente unha campaña educativa a través da cal pretenden contribuír á concienciación da poboación en torno á menor produción de residuos. Así, e baixo o eslogan “Reduce. Ti tes a chave”, a prioridade é animar e incentivar á sociedade a que aposte por formas de consumo que lle permitan xerar menos refugallos, constituíndo este o primeiro paso a seguir na axeitada xestión dos mesmos.
A fin de que esta iniciativa poida chegar a unha elevada porcentaxe de cidadáns, púxose en marcha unha páxina web específica www.reducetitesachave.com , que permanecerá en vigor ata o 16 de xaneiro do próximo ano, a través da cal os internautas poden acceder a toda a información necesaria coa que responder a ese gran reto que supón producir menos lixo, pero tamén realizar unha correcta separación de refugallos en orixe, procedendo ao depósito dos mesmos nos distintos colectores de recollida selectiva.
Así se recolle no Plan autonómico de Xestión de Residuos Urbanos para o período 2010-2020, que ten entre as súas prioridades a de estabilizar a produción de residuos nunha primeira fase, logrando unha redución do 10 por cento no ano 2020, ao tempo que prevé incrementar os índices de reutilización e reciclado ata o 30 por cento (fronte ao 10 por cento actual), e minimizar o vertido final, destinando a vertedoiro tan só aquela fracción para a que non caiba ningún outro tratamento contemplado na lexislación vixente, é dicir, que non poida ser reutilizada ou reciclada previamente, e tampouco valorizada, incluíndo aquí a súa recuperación enerxética.
En Galicia pasamos en pouco tempo dunha produción media de residuos por habitante e ano de 292 quilos a 438, unha taxa que, aínda que se atopa por baixo da media estatal (547 quilos), é preciso minorar.
Nas últimas décadas, e segundo datos de Eurostat, os desperdicios domésticos xerados en Europa viñéronse incrementando entre un 1 e un 2 por cento anual, chegando a situarse, no 2009, nos 513 quilos por habitante e ano. En España, e malia que, como consecuencia da crise económica, a produción de refugallos viuse reducida, aínda se sitúa por riba da media comunitaria, alcanzando os 547 quilos por habitante e ano.
Neste escenario urxe cambiar o modelo de desenvolvemento, dominado pola máxima de “usar e tirar”, e poñer en práctica comportamentos sostibles que nos permitan aplicar a racionalidade e a sensatez, apostando por un consumo responsable que teña en conta o ciclo de vida dos produtos sen poñer en risco o noso benestar e calidade de vida.
Se ben o actual contexto de crise obrigou a cambiar determinadas pautas de conduta, estas deberían manterse no tempo co obxectivo final de minimizar o impacto que os residuos ocasionan sobre o contorno. Planificar o consumo, mercar os alimentos tendo en conta a súa data de caducidade, priorizar os artigos reutilizables, así como os minimamente envoltos e embalados, rexeitar as bolsas non biodegradables, recuperar o tradicional carriño da compra, usar trapos de cociña e panos de tea en lugar da súa versión en papel, dar preferencia ás compras a granel, rexeitar os consumibles envasados en bandexas de plástico ou porexpán, evitar as vaixelas, vasos e cubertos de plástico, optando polo vidro, o metal ou a louza, poden ser, entre outras, algunhas das múltiples recomendacións a seguir.

Te puede interesar