Unha delegación xaponesa visita Galicia para coñecer o modelo de xestión dos recursos marisqueiros

O modelo de xestión dos recursos marisqueiros en Galicia, que combina o coñecemento científico co que tradicionalmente manteñen as comunidades locais, espertou o interese en Xapón, polo que unha delegación de investigadores ese país visita estes días Galicia para coñecer a realidade do sector.
A iniciativa desenvólvese da man do Campus do Mar -que lidera a Universidade de Vigo- e nela participan 7 investigadores nipóns, os que visitarán diversas confrarías, lonxas e bancos extractivos, ademais de participar nun seminario no campus universitario vigués.

O contacto entre ambas as dúas partes xurdiu a raíz da participación de investigadores vigueses en varios congresos internacionais. Os xaponeses pertencen ao proxecto ILEK, que integra a máis dun centenar de expertos de diversas áreas e aposta por facer ciencia coa sociedade. Nese sentido, defenden a posta en valor os coñecementos dos profesionais do sector para telos en conta na toma de decisións.

A visita desta delegación comezou o martes cunha visita á localidade pontevedresa de Cangas e que incluíu lugares como a lonxa, o porto e os bancos marisqueiros. Este mércores, os investigadores desprázanse a Cambados para coñecer a figura das asistencias técnicas e visitar un intermareal onde traballan as mariscadoras.

A delegación xaponesa está composto polos profesores do Institute for Humanity and Nature (RIHN) Tetsu Sato e Naoki Kikuchi, e por Hiroyuki Matsuda, da Yokohama National University e presidente da Ecological Society of Japan.

Tamén forman parte Taisuke Miyauchi, da Hokkaido University e presidente da Japanese Association for Environmental Sociology; Shinichiro Kakuma, da Okinawa Prefectural Fisheries and Ocean Research Center; Masahito Kamimura, de WWF Coral Reef Conservation and Research Center, e Mayuko Shimizu, da Ryukoku University.

Te puede interesar