As exportacións da D.O. Rías Baixas medraron un 16% no 2010

As exportacións dos viños con denominación de orixe Rías Baixas ascenderon a 3.548.116 litros no 2010, o que significa un incremento do 16,04 por cento no volume de vendas con respecto ao exercicio anterior, informou o consello regulador nunha nota.
A denominación Rías Baixas puxo no mercado de 54 países un total de 4.730.821 botellas de viño grazas á participación de 76 adegas nos plans de exportación.

O presidente do consello regulador, José Ramón Meiriño, explicou que o sector 'segue apostando polos mercados exteriores', aos que destina o 22,4 por cento da súa produción.

'O acerto' destes resultados está na 'busca de diversificación de mercados' e en 'alcanzar o equilibrio desexado, que consiste en repartir un 33 por cento das vendas ao mercado local, outro tanto ao nacional e o mesmo aos exteriores', expuxo Meiriño.

O secretario xeral da D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro, recalcou, pola súa banda, que as adegas empezan a 'recoller froitos' do 'gran esforzo' realizado 'incluso en tempos de crise' para 'consolidarse nos mercados internacionais'.

O consello regulador pretende renovar a campaña dos Estados Unidos co apoio do ICEX e o Igape, á que sumou outra no Xapón, algo máis 'modesta', xa que busca incrementar as vendas mediante accións promocionais de consumo do viño por copa, seminarios e publicidade en medios especializados.

Estados Unidos mantense como o principal importador de viños das Rías Baixas, con 1.902.032 litros, concentrando o 53,77 por cento das vendas, cun incremento do 16,3 por cento con respecto ao exercicio 2009.

Completan o palmarés o Reino Unido, un mercado tradicional desta denominación, con 422.823 litros, e Porto Rico, que con máis de 171.000 litros mantén a terceira posición do ránking que ocupara xa na campaña pasada. A cuarta posición é para México, con 112.299 litros.

Outros mercados relevantes para os viños de Rías Baixas son Alemaña, Suíza, Francia, Bélxica, Australia e Holanda.

O mercado asiático rexistra unhas exportacións totais de 64.431 litros de viño e segue manténdose como un obxectivo a medio e longo prazo, especialmente Xapón, aínda que tamén haberá campañas promocionais na China, concretamente na feira 'Food & Hotel' de Shangai e na 'Wine and Spirits' de Hong Kong. EFE

Te puede interesar