José Luis Pego deixará todos os seus cargos en Novacaixagalicia e acollerase a unha prexubilación

Foto: Archivo
O director xeral de Novacaixagalicia (NCG) dende o nacemento da entidade fusionada, José Luis Pego, anunciou ao comité de dirección que deixará todos os seus cargos na caixa, aínda que seguirá nestas funcións ata a efectiva constitución de NCG Banco, para posteriormente acollerse á prexubilación como directivo.
Segundo informou a caixa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), José Luis Pego (Ferrol, 1957) deixará a dirección xeral da caixa 'como consecuencia da necesaria reordenación da entidade para a constitución de NCG Banco S.A.', prevista para esta mesma semana. En concreto, a previsión é que o banco se constitúa este mércores ante notario.

Home de confianza de Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego era director xeral de Caixanova dende 2006 e, coa fusión da caixa con sede en Vigo e de Caixa Galicia foi designado, en decembro de 2010, director xeral de nova entidade.

Non obstante, o que será futuro presidente executivo de NCG Banco, José María Castellano, que pilota a operación para recapitalizar a entidade, contará cun novo conselleiro delegado, do cal a caixa informou só que se trata dun 'executivo procedente do sector bancario'.

Para xestionar a nova etapa da entidade decidiuse que este conselleiro delegado exerza as súas funcións 'dende o inicio' da actividade de NCG Banco 'co fin de axilizar o proceso de transición' do modelo de caixa a banco.

FICHAXES

A semana pasada xa se coñeceu que Castellano fichou a Juan Arena, expresidente de Bankinter, e a Pedro Luis Uriarte Santamarina, exvicepresidente e conselleiro delegado de BBVA, para formar parte dun consello asesor na estratexia que seguirá o banco, aínda que non estarán no consello de administración nin no organigrama directivo de NCG Banco.

Despois de que o Banco de España rexeitase a prórroga solicitada por Castellano, o FROB farase a finais deste mes coa maioría do novo banco, ao inxectar os 2.465 millóns de euros necesarios para elevar o capital principal de NCG por enriba do 10 por cento. Non obstante, a entidade pública dará entrada antes de que finalice o ano aos investidores privados que achegue Castellano, que comprarán participacións ao fondo público.

TRAXECTORIA

Nun comunicado, a caixa destaca a 'brillante traxectoria profesional no sector das caixas de aforro galegas' de José Luis Pego, quen empezou a súa carreira en Caixavigo no ano 1985. Aínda que ferrolano de nacemento, é residente en Vigo e é licenciado en ciencias económicas e empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou os cursos de doutorado en económicas.

Durante a súa etapa como docente, Pego foi profesor asociado das universidades de Santiago e Vigo, así como da Universidade a distancia (UNED) de Pontevedra. En Caixanova desempeñou diferentes postos directivos antes de acceder á dirección xeral, como as direccións de planificación, control financeiro ou a de risco de crédito.

No seu comunicado, NCG recorda que Pego foi o primeiro executivo de Novacaixagalicia durante os nove meses de existencia da entidade e principal responsable do proceso que culminará nun banco para 'garantir a transformación da principal entidade galega a través dun proxecto propio, no profundo proceso de reconversión que se está a producir no sector financeiro español'.

Te puede interesar