Medio Rural destinará 120 millóns de euros ás explotacións agrarias con ’boas prácticas’

Fixar poboación no rural, mellorar a renda dos produtores, valorizar a profesión, incrementar a terra cultivada e pular por alimentos de calidade e por unhas explotacións agrarias respetuosas co medioambiente. Esas son algúns dos ambiciosos obxectivos cos que a Consellería de Medio Rural porá en marcha a comezos do vindeiro ano o denominado Contrato de Explotación Sustentábel, unha figura á que poderá acollerse máis de 7.500 explotacións e na que se investirán 120 millóns de euros en cinco anos.


Con Lugo e Ourense como as provincias máis favorecidas e co obxectivo de mellorar a sustentabilidade tanto económica como ambiental das explotacións agrarias galegas, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentou onte un novo instrumento que botará a andar o vindeiro ano: o Contrato de Explotación Sustentábel, unha nova figura para a que está prevista unha dotación de 120 millóns de euros no periodo 2008-2013. As previsións do departamento autonómico son que, cando menos, 7.500 explotacións agrarias galegas poidan acollerse ao modelo.

O documento supón a apertura dun contrato entre a Administración e o titular da explotación. Pola banda de Medio Rural, a consellería remunerará a explotación (en cantidades aínda pendentes de fixar e que dependerán dos compromisos suscritos e da orientación produtiva) con diversas axudas. O titular da explotación, á súa vez, adquirirá compromisos de producción e asegurará que os levará a cabo nun periodo de cinco anos como mínimo.

’Buscamos asegurar que teñan un mínimo de estabilidade para permanecer no sector, estimulando que haxa un incremento da base territorial desas explotacións’, sinalou Suárez Canal, incidindo na ’aposta por medios de explotación respetuosos co medio ambiente’ e primando tamén a producción de alimentos de calidade.

Limpeza forestal

Entre os factores que se primarán, e vencellado coas políticas forestais, figura a conservación e adecuado coidado do contorno forestal, dentro das liñas de potenciación da limpeza do monte na comunidade. Xa noutro eido, potenciarase tamén a alimentación baseada en forraxes naturais. O conselleiro de Medio Rural situou o novo modelo dentro ’das medidas estruturais que pretenden modificar a tendencia do medio rural no noso país’, xunto con iniciativas como o banco de terras ou os contratos homologados. Poñer máis terra a cultivar, mellorar a renda dos produtores, fixar poboación no rural incorporando xente moza á actividade agrogandeira e, sobre todo, valorizar a profesión son algunhas das claves do proxecto que, pese a non ser pioneiro no Estado (hai outras zonas con medidas semellantes), si ten un carácter integral que lle da intensidade.

Te puede interesar