Uns 3.000 traballadores do naval ferrolano reclaman carga de traballo e advirten de que 'non lles abondan' precontratos

Preto de 3.000 traballadores de Navantia Fene-Ferrol e das súas empresas auxiliares manifestáronse ante o Concello ferrolano para reclamar carga de traballo e a construción do dique flotante, e para advertir que 'non lles abonda' o anuncio, non confirmado de forma oficial, dun 'precontrato' entre a empresa e Pemex para a suposta construción dun barco hotel.
A manifestación iniciouse en torno ás 11.00 horas na porta de Navantia Ferrol, despois da realización dunha asemblea de traballadores. Os operarios dirixíronse despois á praza de Armas, onde mantiveron unha concentración que se prolongou durante unha hora, en coincidencia coa reunión que os representantes sindicais mantiñan co rexedor ferrolano, José Manuel Rey Varela.

A mobilización desenvolveuse cando se cumpre unha semana do encerro dos delegados sindicais no concello, sen que obtiveran as respostas que reclaman sobre a construción do dique flotante ou a convocatoria da reunión da comisión de seguimento que ten que avaliar a súa viabilidade.

Ao termo da reunión, Jorge Prieto (CC.OO.), presidente do Comité de Empresa de Navantia Fene, transmitiu o apoio recibido do alcalde da cidade, pero anunciou que se manterán tanto as protestas 'na rúa' como o encerro no Concello.

PRECONTRATO
Jorge Prieto manifestou que 'non se conformarán co flotel' -o barco hotel-, que sostén que responde a unha 'promesa pequena en período electoral'. 'Non abondará nin para os traballadores nin para a bisbarra de Ferrol a sinatura dun precontrato, que non é máis que un anuncio', engadiu. Navantia realizara unha oferta a Pemex para a construción do barco hotel, se ben ningunha das dúas empresas confirmou oficialmente a existencia deste precontrato.

O representante do Comité de Navantia Fene advertiu que 'non é momento' para debates estériles' senón para 'esixir carga de traballo e non anuncios'. Sinalou que os traballadores xa non poden esperar por 'esperanzas' de novos encargos, porque 'a esperanza xa é historia', e o reclaman son 'realidades' por medio de 'sinatura de contratos' e 'compromisos firmes co dique flotante'.

Neste sentido, Prieto asegurou que o dique 'non o venderon en Ferrol os sindicatos' senón o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, 'por mandato de Feijóo', en referencia aos compromisos adquiridos por os representante da Xunta de Galicia en torno ao estudio desta infraestrutura. 'A partir de aí foron todo pantomimas', concluíu.

Segundo os datos achegados dende a parte sindical, no último ano quedaron sen emprego en torno a 1.700 traballadores de compañías auxiliares. Na actualidade, seis delas están a tramitar ou aplicando expedientes de regulación de emprego temporais e extintivos, ante a falta de traballo.

Te puede interesar