“Apoiaremos iniciativas que estimulen a cidade'

Marcos Vila, novo xerente do Ponte Vella. (Foto: Marcos Atrio)
O administrador do Centro Comercial Ponte Vella, Pedro Rodríguez, presentou onte ó novo director xerente do centro, Marcos Vila Fernández, que conta con dez anos de experiencia ás súas costas no mundo da banca. Licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago, este ourensán acolle este novo reto con 'moita ilusión'.
Considera un reto asumir o cargo de xerente do Centro Comercial Ponte Vella?
Sí, véxoo coma un reto porque considero que en cada momento ou en cada situación preséntase a oportunidade de aprender cousas novas. Tamén é certo que se dan elementos que se repiten en tódolos ámbitos de xestión, como son o traballo en equipo ou a xestión de presupostos. Para min supón un reto, no sentido de poder axudar coa experiencia que eu teño e ó mesmo tempo poder prepararme co equipo que xa está aquí traballando, do que creo que podo aprender moitas cousas.

Será unha tarefa fácil tendo en conta os tempos que corren, nos que a economía das familias afronta unha situación tan difícil?
Este centro comercial, por sorte, é un dos que estivo levando moi ben estes últimos cinco anos de crise. Ponte Vella está moi integrado en Ourense, non só na cidade, senón tamén na provincia e os cidadáns acoden a desenvolver moitas actividades -comer, facer compras, ir ó cine...-, por iso supón un elemento de ocio moi importante na cidade. Ademáis, o número de visitantes na actualidade é similar ó de hai cinco anos, cando comezou a crise -aproximandamente uns 4,5 millóns de persoas ó ano-. Por suposto, esperamos que esta situación non tarde moito en mellorar, en beneficio da actividade económica, dos comerciantes que desenvolven o seu traballo aquí e dos clientes que veñen a disfrutar dos nosos servizos.

Con que novas ideas chega para dinamizar a actividade do Ponte Vella?
Un dos elementos novos que trataremos de introducir é o das redes sociais. No centro dispoñemos dunha páxina web que pretendemos mellorar e queremos que constitúa un dos eixos fundamentais deste complexo. En canto ás ofertas de ocio, Ponte Vella sempre foi moi dinámico e seguiremos esa liña. Por exemplo, esta semana ofrecemos un taller de cociña e a semana que vén tamén colaboraremos co Festival de Cine de Ourense. Consideramos algo fundamental a promoción de actividades que lle dean movemento á cidade.

Conformarán unha prioridade a actividade cultural e o ocio?
Pretendemos seguir combinando, da mellor maneira posible, eses dous elementos fundamentais: o ocio e o negocio. O éxito do comercio é evidente, xa que a ocupación dos locais é case do 100%. Eu considero que non se pode priorizar, é cuestión de saber compaxinar ámbalas dúas ofertas.

Te puede interesar