“Co campus da auga adiantámonos ó que no futuro terán que facer as universidades'

O reitor Salustiano Mato, onte no seu despacho ourensán.
Salustiano Mato converteuse en reitor da Universidade de Vigo no ano 2010. Agora, superada a metade do seu mandato, fai balance do presente e o futuro do Campus de Ourense.
Cal é a situación actual da Universidade de Vigo?
Vivimos un momento moi complicado no que a Universidade está demostrando fortaleza. No caso do Campus de Ourense o máis importante é que vendo como ía ser o futuro das Universidades en España soubemos camiñar cara a especialización dos Campus cun obxectivo claro. Acabamos de dar un paso moi importante coa constitución da secretaría técnica para desenvolver o plan estratéxico e de acción.

En que medida vai repercutir o decreto Wert, sobre todo no relativo ós profesores asociados?
A nós non nos gusta, rexeitámolo e pedimos a súa retirada. Pero unha cousa é iso e outra é que debemos cumprir a lei. Tratamos de que o impacto fose o menor posible. Os asociados son persoas cun traballo fixo na empresa ou na administración. A nós interésanos que esa xente se poida manter, pero se comparamos o efecto do decreto con outros anos nos que houbo plans de estudo, a cifra é menor. Ademais, non ten moito sentido que exista unha plataforma de asociados, porque son persoas que non viven da Universidade e se o fan están cometendo fraude de lei. Dende o meu punto de vista, creouse unha falsa polémica, apalancándose na idea do decreto Wert.

Que papel xogará o potencial termal nese proxecto do Campus da Auga e en que medida revertirá na sociedade ourensá?
O Campus da Auga está pensado co termalismo coma un dos seus epicentros. Evidentemente, terá que constituír unha maneira nova de traballar para que a Universidade sexa unha fábrica de solucións e ideas. Agora, a secretaría comezará a facer entrevistas coas institucións ourensás para coñecer o que lles gustaría que a Universidade fixera por Ourense. Iso é o que nos vai levar a alianzas. A auga é un elemento común das potencialidades do Campus e que entronca co eido empresarial, social e turístico de Ourense.

É unha aposta decidida deste equipo de goberno. Que podería ocorrer cando vostedes rematen o seu mandato?
Vai estar implantado no próximo curso. O plan estratéxico definirase pronto e o de acción será aprobado previsiblemente a finais de curso. O organigrama e gobernanza estará en setembro de 2013. Pero é que ademais é un proxecto abrazado e apadriñado polo goberno galego. Estámonos adiantando á encomenda que se lles fará ás universidades.

Non podo non preguntarlle polo futuro de Enxeñería Física.
O que é importante é tranquilizar á sociedade. Eu podo entender que hai xente que leva moitos anos traballando por un obxectivo, e que non queren ter a orella aberta cando lles parece que non segue o curso que cren que debería. Nós xa cumprimos a sentencia do TSXG, que mandaba escoitar a opinión da Xunta de Titulación. Eles fixérono moi ben redactando unha proposta de calidade académica. Pero a memoria non estaba completa para envialo á Xunta de Galicia porque a Facultade de Ciencias dicía que non había sitio. O que deben entender os profesores é o problema de facer isto polas bravas, sobre todo con debilidades administrativas porque non podemos obrigar a unha facultade. O que decidimos por asentimento de todo o Consello de Goberno foi pospoñer e continuar ese expediente para negociar con Ciencias e analizar a viabilidade dos seus títulos; pero non lle dixemos que non a Enxeñería Física.

Te puede interesar