“Hai moitos puntos en común co psoe, pero non imos subscribir todo o que propoña'

Xosé Somoza, nunha imaxe de arquivo.
Case dous meses despois de que o BNG formalizara a súa saída do goberno da cidade, a formación falou onte do seu novo papel de oposición coincidindo coa estrea da súa oficina municipal, ubicada -coma as dos outros dous partidos da oposición (PP e DO)- no soto do Concello.
Que papel terá o BNG con respecto ó goberno en minoría do PSOE. Van apoialo nos asuntos importantes?
Eso tense que ver punto por punto. Nós xa dixemos que imos defender o noso programa electoral e tratar de conseguir os temas que incluimos nel. É certo que hai moitos puntos en común co programa do PSOE, pero outros son diferentes, así que non imos subscribir todo o que propoña o PSOE. En función das propostas que haxa veremos se estamos de acordo e actuaremos en consecuencia. Nós o que queremos é ser unha oposición constructiva, non se trata de levarse por diante todo o que faga o goberno por facer oposición.

O seu partido vén de gobernar cinco anos co actual grupo de goberno. Non dificulta eso o seu labor de oposición?
Cando acabe este mandato, a xente verá que houbo dous alcaldes polo menos e tamén o papel que fixo o BNG no goberno e na oposición. Hai algúns proxectos en marcha e (a nosa actitude) depende de como se leven a cabo. Por exemplo, en Deportes, o noso obxectivo era eliminar as subvencións nominativas e apoiar o deporte de base. Se o goberno actual segue nesa liña, ímola apoiar. Ese é un exemplo, pero que ocorre en tódalas áreas.

Cre que nos dous anos que faltan para rematar o mandato volverán negociar a súa entrada no goberno?
Penso que é moi difícil que se dea esa circunstancia. Podemos desenvolver un labor constructivo dende a oposición e hai que lembrar que houbo un posicionamento claro da asamblea do BNG (de non entrar no goberno) e tería que haber un cambio de vontade se houbera un ofrecemento (do goberno), pero non creo que se dea esa situación. Hai temas importantes por diante, como o PXOM ou os orzamentos e neso hai que pensar.

Falou xa o goberno con vostedes para traballar nos orzamentos do 2012?
Na última xunta de área falouse de que o que se pretende é que non teñan un retraso de oito meses. Máis adiante xa se falará. Nós entendemos que aínda que haxa unha redución de ingresos, ten que haber un equilibrio no reparto dos cartos.

Te puede interesar